Cinco percorridos poñen ao alcance dos visitantes toda a oferta de servizos nacida ao redor das denominación de orixe galegas.
Outubro é un mes para gozar do enoturismo grazas á nova edición da Ruta dos Viños de Galicia. Por iniciativa de Turismo de Galicia e a Asociación das Rutas do Viño de Galicia, durante as cinco fins de semana deste mes, parellas, familias e grupos de amigos poderán descubrir o rico patrimonio vitivinícola galego participando en visitas guiadas e gratuítas ás máis de 60 adegas participantes.
O programa organizado para a ocasión ofrece tres visitas diferentes cada sábado (11.30, 13 e 17 horas) e unha cada domingo (12 horas) e cada ruta inclúe propostas como os autobuses do viño, catas comentadas, rutas monumentais, visitas a museos, paseos en embarcacións e outras actividades relacionadas co mundo do viño, ademais de descontos para aloxarse na zona.
As actividades comezarán os días 1, 2 e 3 de outubro coa Ruta do Viño das Rías Baixas. Do 8 ao 10 de outubro será a quenda da Ruta do Viño de Valdeorras; mentres que os días 15, 16 e 17 as actividades trasladaranse á Ruta do Viño da Ribeira Sacra, e do 22 ao 24, á Ruta do Viño do Ribeiro. O programa concluirá os días 29, 30 e 31 de outubro coa Ruta do Viño de Monterrei.
Foi, precisamente en Monterrei onde foi presentada en días pasados toda a programación desta décima edición da Ruta dos Viños de Galicia, que se desenvolverá baixo o slogan “Volvemos brindar?”. Ademais das 63 adegas participantes (un 30 % máis que na edición anterior), a iniciativa conta coa colaboración de 18 aloxamentos turísticos e 8 establecementos de restauración.
Máis información detallada das rutas e todas as actividades previstas na app “Enoturismo en Galicia” (dispoñible para Android e iOS) e na web https://www.xornadasrutasvinosgalicia2021.com/wp-content/uploads/2021/09/AF-Folleto-10-Xornadas-Portas-Abertas-Rutas-Vinos-web.pdf