No marco dunha iniciativa promovida por Turismo de Porto e Norte de Portugal (TPNP) en colaboración coa Comunidade Intermunicipal do Tâmega e Sousa e o Clúster Turismo de Galicia para reforzar o grao de coñecemento da rexión entre os turoperadores galegos, durante o mes de febreiro están a realizarse dúas viaxes de familiarización que permitirán aos seus participantes coñecer en profundidade estes destinos vinculados ao turismo de de natureza, viños e gastronomía.
Pazos de Ferreira, Felgueiras, Celorico de Bastos, Amarante, Baião e Resende foron os municipios elixidos para o primeiro dos fam trip, que se desenvolveu entre o 5 e o 8 de febreiro mentres que o segundo das viaxes, que se celebrará entre o 19 e o 21 de febreiro, centrarase nas localidades de Lousada, Penafiel, Marco de Canaveses, Castelo de Paiva e Cinfães.
Yu Travel, Viaxes HalcónLugo e Galicia, Five Sensations, Sente Galicia, Tee Travel, Viento Celta, Galicia Holiday e Vio Viajes son os operadores que conxuntamente co Clúster Turismo de Galicia participan nesta inciativa que, a dicir do presidente de TPNP, Melchor Moreira, serve para “estreitar as relacións e dinámicas entre Galicia e Portugal”, “consolidando a marca e a percepción do territorio para o mercado galego, ademais de xerar sinerxías transfronteirizas entre ambos os territorios”. O obxectivo final é contribuír a xerar novos fluxos de turistas que contribúan á desestacionalización do turismo portugués, incrementar a estancia media e xerar maior retorno, retos deste sector no país veciño.
Esta iniciativa insérese no Memorandum de Comprensión asinada entre a Turismo do Porto e Norte de Portugal, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) e a Axencia de Turismo de Galicia.