O seu presidente, Cesáreo Pardal, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron en Santiago na presentación dun vídeo e das novas actuacións que se levarán a cabo no marco deste proxecto.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, manifestou hoxe que Galicia é un modelo de recuperación tras a pandemia ao afrontar o desenvolvemento do turismo dende un punto de vista estratéxico, que inclúe a promoción do destino para as familias.
Cesáreo Pardal participou na presentación das novas actuacións que se van a levar a cabo no marco do programa “Galicia Destino Familiar” promovido polo Clúster en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia.
Na presentación tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o socio consultor da empresa Autoxiro Turismo, responsable da execución do proxecto, Emilio Cuiñas; e a responsable de Hostal/Apartamentos Rodeiramar, Merchi Rodal.
O presidente do Clúster salientou que Galicia soubo “identificar con tempo os diferentes escenarios aos que poderíamos enfrontarnos” e preparou “un período inicial no que comezaría a recuperarse o turismo de maior proximidade, de persoas que viaxarían en coche e en grupos moi reducidos”. Engadiu que “Galicia preparouse tamén para garantir a seguridade das persoas que elixen este destino”. A isto axudou “que puideramos ofrecer un turismo en espazos abertos, en contacto coa natureza e pouco masificado”.
Neste sentido, referiuse ao programa “Galicia Destino Familiar” como “un exemplo desta estratexia que hoxe sitúa a Galicia nunha posición de avantaxe e ante novas oportunidades”.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que campañas coma esta “permiten visualizar Galicia como un destino adaptado ás necesidades dunha familia que quere descansar, gozar da paisaxe, dos nosos recursos turísticos con aloxamentos e oferta turística adaptados ás súas necesidades”. Neste sentido, Castro destacou a aposta polo turismo familiar é transversal para o Goberno galego xa que “buscamos adaptar outros produtos turísticos ás necesidades destes viaxeiros, como pode ser, por exemplo, o caso do Camiño de Santiago, que tamén queremos que sexa cada vez en maior medida, familiar”.
O responsable do proxecto, Emilio Cuiñas, lembrou que “Galicia Destino Familiar” xurdiu en 2016 “co principal obxectivo de adoptar mecanismos que permitan o posicionamento desta Comunidade como destino de referencia en turismo para as familias”. O programa ofrece unha estratexia común para os establecementos especializados no segmento familiar. Tamén permite, engadiu “que os turistas poidan identificar os hoteis, restaurantes, casas de turismo rural, etc. que dispoñan de instalacións, oferta de actividades ou outros servizos adaptados e pensados para as familias”.
Na actualidade hai uns 60 establecementos adheridos. Os responsables da iniciativa agardan incrementar a cifra de empresas participantes e seguir traballando no obxectivo de difundir o proxecto.
Para elo, incrementarán os contidos da web galiciadestinofamiliar.gal e repartirán material de promoción como bolsas ou trípticos informativos. No acto de hoxe presentaron tamén un novo vídeo con imaxes de diferentes destinos adaptados ao turismo familiar.