A constatación de que aínda non existe unha marca de turismo activo nin un sector profesionalizado nin organizado en Galicia xunto co enorme potencial do noso territorio cunha imaxe fortemente vinculado á paisaxe e a natureza foron algunhas das conclusións que se extraeron na Xornada Novo Turismo Activo en Galicia, impulsada polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración con Turismo de Galicia e Galicia Destino Activo, que se celebrou esta mañá no Balneario Caldaria-Laias, en Cenlle.
“Hai bastantes empresas de turismo activo que están a facer as cousas moi ben en Galicia pero fáltanos moita información sobre a situación real deste sector en Galicia, temos que estruturalo, profesionalizarnos e situarnos como marca, primeiro a nivel interno e nacional”, explicou Agustín Rico, representante da Asociación de Empresas de Turismo Activo e de Natureza, AGETAN, que afirmou que o “potencial galego é enorme, coa gran vantaxe de que os recursos están distribuídos por todo o territorio”. “Ben estruturado e cunha boa comercialización, o impacto do turismo activo en Galicia é enorme, tanto como oferta complementaria ou como motivador principal da chegada de viaxeiros que buscan este tipo de experiencias”.
Medio centenar de profesionais e tres mesas de traballo
Na xornada, na que se deron cita medio centenar de profesionais, dividiuse en dous partes, unha primeira de análise de situación e de presentación dun caso de éxito de organización dun destino turístico activo como é o de Prepyr365, nos Pireneos aragoneses, que puxeron en marcha un destino paraugas para superar a atomización da oferta de microdestino, traballando conxuntamente para situar a marca e incrementar o fluxo de visitantes. “Os empresarios debemos ser os propios embaixadores do noso produto, os que máis creamos no noso produto e apostar polo posicionamento dunha marca potente”, asegurou Javier García, presidente da Asociación Prepyr365.
Precisamente a cooperación público-privada e a posta en valor destes recursos foi un dos aspectos que destacou o secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que interveu na inauguración da xornada, na que tamén tomou parte o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Mestre e o alcalde de Cenlle, Javier Alén, que destacou tamén a necesidade de superar localismos e traballar conxuntamente na explotación sustentable dos recursos turísticos galegos. Neste sentido, Mestre tamén incidiu na necesidade de traballar nunha etiqueta verde específica vinculada ao turismo activo e sustentable. Ademais, defendeu na súa intervención a necesidade de diferenciar a libre práctica deste tipo de turismo e a súa comercialización, un tema que xerou moitos comentarios na mesa de debate coa que se pechou a xornada, na que participaron o profesor e responsable do Master de Turismo de Ourense, José Antonio Fraiz, e o responsable da oficina técnica de Prepyr365, Adrián Tejero.
Ademais, e desarollándose en Ourense e nun balneario, a xornada tamén prestou atención á creación de sinerxías entre o turismo activo e o turismo termal, elemento diferenciador desta provincia, que foi unha das temáticas das mesas de traballo que se desenvolveron de forma paralela á mesa de debate. Xunto a esta mesa de traballo desenvolvéronse outras dúas, vinculadas á competitividade e á promoción e comercialización deste tipo de turismo co obxectivo de implicar a toda a cadea de valor do turismo, creando sinerxías entre os diferentes axentes e establecendo unha comunicación a longo prazo que mellore a implementación do turismo activo en Galicia.