A Deputación de Pontevedra forma parte da Comisión Executiva dun organismo ao que se sumaron tamén outras catro institucións galegas.
A última reunión da Comisión Plenaria da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes certificou o aumento da representación galega neste organismo posto en marcha pola Secretaría de Estado de Turismo hai agora 3 anos para fomentar un novo modelo de xestión turístico baseado na intelixencia, a dixitalización e a sustentabilidade.
Entre os 24 novos membros cuxa adhesión á Rede DTI acaba de ser aprobada figuran a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, o Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo e a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.
Ademais, a Deputación de Pontevedra, unha das entidades fundadoras desta rede, pasa a ser o único ente provincial que forma parte da Comisión Executiva, que está integrada por un total de 16 entidades e que se encarga de representar aos máis de 500 destinos que xa están integrados na rede.
Na mesma reunión na que foron adoptados eses acordos anunciouse a posta en marcha da nova web da rede e fíxose un repaso á actividade desenvolvida durante o primeiro semestre deste ano, que incluíu a realización de varios cursos e a elaboración de manuais e guías.
Un total de 543 entidades forman parte na actualidade da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes. 370 destes membros son destinos de distintas tipoloxías e ámbitos, 91 son empresas colaboradoras, 79 son membros institucionais e 3 son observadores internacionais.