A asociación Agalber e a Xunta de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar ambas iniciativas.
A Xunta e Agalber, a Asociación Galega de Albergues Privados (entidade que forma parte do Clúster Turismo de Galicia), acaban de asinar un convenio para promocionar a rede destes establecementos no Camiño de Santiago e dar a coñecer a calidade dos seus servizos e instalacións á vez que reforzan a imaxe de Galicia como destino turístico seguro e de calidade. Así o explicaron durante un acto celebrado en Arzúa o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o presidente de Agalber, Miguel Ángel Rodríguez Aira.
O convenio prevé un investimento por parte da Xunta de 30.000 euros na campaña promocional e inclúe tamén a difusión fóra de Galicia da nova plataforma de reservas que está a desenvolver Agalber baixo a denominación de Bookalbergue e que conta tamén co apoio da Administración autonómica a través de Turismo de Galicia.
Os máis de cen albergues privados que forman parte da asociación serán os primeiros establecementos que estarán integrados na plataforma, que entrará en funcionamento en datas próximas, pero a intención dos seus promotores é que se poidan incorporar tamén albergues doutras comunidades polas que pasa o Camiño de Santiago e favorecer así un maior uso por parte dos peregrinos. De feito, os responsables de Agalber xa estableceron contactos con agrupacións de albergues privados de fóra de Galicia e, mesmo, de Portugal e a acollida do proxecto foi positiva.
Os peregrinos que queiran facer uso da plataforma para coñecer a oferta de aloxamentos dispoñibles e formalizar as súas reservas poderán facelo a través da páxina web Bookalbergue.com e dunha aplicación móbil.
A colaboración a Xunta e Agalber para reforzar o sector está a materializarse tamén a través doutras accións como as probas piloto que se están levando a cabo en oito establecementos privados para comprobar a súa seguridade. Esta iniciativa consiste na instalación de medidores de CO2 para comprobar a súa ventilación e, en base aos resultados, elaborar un manual de boas prácticas.