destacados

O novo mapa vén de recibir o visto bo do Consello de Turismo de Galicia.

 

Hai algo máis dunha década era presentado de forma oficial o mapa de Xeodestinos de Galicia, unha ferramenta impulsada pola Xunta para “extraer todo o potencial do destino Galicia” articulando o territorio da comunidade nun total de 14 espazos delimitados pola súa historia e singularidades, e pensados para ofrecer ao visitante unha oferta de propostas complementaria entre si que o animase a quedar máis tempo nesta terra.

 

Rías Altas (distinguindo entre Ferrolterra e A Coruña-As Mariñas), Costa da Morte, Terras de Santiago, Mariña Lucense, Lugo e A Terra Chá, Ancares-Courel, O Ribeiro, Terras de Ourense e Allariz, Celanova-Limia, Verín-Viana, Manzaneda-Trevinca, Rías Baixas (Rías de Muros e Noia, Ría de Arousa, Ría e Terras de Pontevedra e Ría de Vigo e Baixo Miño) e Deza-Tabeirós eran os 14 territorios delimitados naquel mapa inicial que vai ser sometido agora a unha reestruturación para “garantir o bo funcionamento desta ferramenta” e atender ás peticións dos propios municipios afectados. Así o explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, esta semana na reunión do Consello de Turismo de Galicia ao presentar o novo mapa que eleva a 26 o número total de Xeodestinos e cuxos principais cambios afectan o sueste da comunidade.

 

“O obxectivo final é fortalecer a competitividade do turismo galego e o seu posicionamento como sector clave na economía galega a través do desenvolvemento de todos os territorios das catro provincias, permitindo facer efectivo o noso Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro”, explicou tamén Nava Castro para solicitar e acadar o visto e prace dun ente integrado por entidades públicas e privadas, entre elas o Clúster Turismo de Galicia.

 

O novo mapa queda integrado por Ferrolterra, As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Terras de Comarca de Ordes, Ulla-Tambre-Mandeo, Ría de Muros-Noia, Barbanza-Arousa, Mariña Lucense, Terra Chá, Comarca de Lugo-Terras de Ulloa, Ancares-Terras de Burón, Courel, Ribeira Sacra, O Ribeiro-O Carballiño, Terra de Celanova-Serra do Xurés, Allariz-Maceda, A Limia, Verín-Monterrei, Trevinca-Valdeorras, Salnés, Mar de Santiago, Terras de Pontevedra-Morrazo, Ría de Vigo-Baixo Miño, Condado-Paradanta e Deza-Tabeirós.

17 de Marzo de 2022

Galicia reorganiza os seus Xeodestinos turísticos, que aumentan de 14 a 26

O novo mapa vén de recibir o visto bo do Consello de Turismo de Galicia.   Hai algo máis dunha década era presentado de forma oficial […]
15 de Marzo de 2022

Unha decena de empresas galegas participarán na xornada virtual da ITB Berlín

O Clúster impulsa a presenza galega no Dixital Business Day previsto para o 17 de marzo.   A iniciativa do Clúster Turismo de Galicia de incentivar […]
14 de Marzo de 2022

Aloxamentos galegos amantes do coidado e a protección do mar

Faros reutilizados, excursións educativas pola ría e deseños abertos ao mar son as suxestións sostibles destes hoteis costeiros.   O mar en Galicia representa o 50% […]
13 de Marzo de 2022

O Clúster recolle nun libro as espectaculares imaxes do “Mar de ardora”

A obra, que será presentada o venres 18 en Cabana de Bergantiños, recompila as fotografías deste sorprendente fenómeno mariño tomadas por Ana Garcia.   As augas […]