destacados

O informe das Rutas do Viño de España constata que o número de visitantes durante o ano pasado duplicou a cifra do 2020.

 

O impacto económico no 2021 foi un 130 % máis que no ano anterior.

 

O sector do enoturismo experimentou durante o ano pasado un importante incremento de visitantes e facturación que lle permitiu recuperar boa parte do volume de negocio perdido como consecuencia da crise da covid e albiscar xa a plena recuperación. Esta é unha das principais conclusións do Informe de visitas a adegas e museos do viño correspondente ao ano 2021 que acaba de publicar a Asociación Española de Cidades do Viño (Acevin) a través do Observatorio Turístico das Rutas do Viño de España.

 

O informe recolle e analiza os datos dun total de 33 rutas do viño de toda España, entre elas a Ruta do Viño Rías Baixas, co obxectivo de proporcionar información útil para as empresas e todos os axentes do sector. Nesta ocasión, segundo destacan os seus promotores, os datos cobran un interese aínda maior porque permiten cuantificar o índice de recuperación do sector tras a pandemia e as conclusións son moi positivas. O informe reflicte que tras a brusca caída do 2020 por mor das restricións da covid o sector experimentou durante o 2021 un espectacular incremento en canto ao número de visitantes ás adegas e museos das Rutas do Viño de España ao pasar de 814.323 a 1.640.800 persoas, o que supón unha alza de algo máis do 100 %. En canto á repercusión económica destas visitas, o incremento foi aínda maior, posto que os 54 millóns de euros de impacto que supuxeron para as adegas e museos durante o ano pasado constitúen un 130 % máis que os 23,5 millóns do 2020.

 

En ambos os casos as cifras aínda están por baixo das rexistradas no 2019 (3 millóns de visitantes e 85,5 millóns de euros de impacto económico), pero si permiten albiscar xa a recuperación plena se durante este 2022 se mantén o ritmo de crecemento do 2021.

 

En canto ás cifras concretas da única ruta do viño galega incluída no informe, a das Rías Baixas, a dinámica é lixeiramente mellor á media. Así, o número de visitantes durante o ano pasado aumentou un 125,8 % con respecto ao 2020 ao pasar de 32.000 a 72.000, o que lle permite conservar a sétima praza entre as rutas con máis visitantes das 33 analizadas.

30 de Xuño de 2022

O enoturismo albisca o final da crise provocada pola pandemia

O informe das Rutas do Viño de España constata que o número de visitantes durante o ano pasado duplicou a cifra do 2020.   O impacto […]
29 de Xuño de 2022

Aprobado o proxecto “A Coruña, sostible e dixital”

A Conferencia Sectorial de Turismo deu o visto e prace a este Plan de Sustentabilidade Turística en Destino presupostado en 3 millóns de euros.   O […]
26 de Xuño de 2022

Galicia reforzou o vínculo entre o Camiño de Santiago e Alemaña con encontros empresariais en Hamburgo e Frankfurt

O Clúster Turismo de Galicia participou xunto cunha representación empresarial especializada na ruta nos workshops organizados pola Axencia de Turismo para presentar o Xacobeo 21-22.   […]
25 de Xuño de 2022

Maio de récord para os hoteis galegos

Os 442.000 viaxeiros e as 766.000 noites pasadas supoñen os mellores datos para ese mes da serie histórica do INE.   Palas de Rei situouse como […]