O Clúster e Ageinco suman forzas para impulsar a innovación, a competitividade e a rendibilidade do sector turístico

O Clúster e Ageinco suman forzas para impulsar a innovación, a competitividade e a rendibilidade do sector turístico

As dúas entidades asinan un protocolo para fomentar a colaboración entre os sectores do turismo e da enxeñería, a consultoría e o desenvolvemento tecnolóxico.

 

A innovación, a dixitalización e o emprego de tecnoloxías emerxentes para a creación e de produtos e experiencias son áreas nas que o sector turístico galego pode seguir avanzando para mellorar así a súa competitividade e rendibilidade. Para facelo, o mundo empresarial galego pon ao seu alcance os servizos dun nutrido grupo de empresas de ámbitos como a enxeñería, a consultoría, a xestión ambiental, a formación e o desenvolvemento tecnolóxico. E para tender pontes entre uns e outros, o Clúster Turismo de Galicia e Ageinco, a Asociación Clúster de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Técnicos de Galicia, acaban de asinar un protocolo de colaboración.

 

O documento, formalizado este xoves 9 de xuño polos presidentes do Clúster de Turismo e Ageinco, Cesáreo Pardal e Daniel Prieto Renda, explica que o seu obxectivo é “establecer unha estreita colaboración” entre ambas entidades “coa finalidade de mellorar as actuacións que permitan a posta en valor do noso territorio, aproveitar o potencial que os servizos das empresas de Ageinco poden facer para o sector turístico logrando empresas máis competitivas e rendibles e, en definitiva, propoñer accións que poidan resultar de interese para ambos os sectores” en Galicia.

 

A planificación e estratexia turística, as infraestruturas e equipamentos do sector, o asesoramento empresarial, o emprendemento, o desenvolvemento de produto e experiencias turísticas, a promoción e o márketing, as accións de promoción internacional e captación de clientes nos principais mercados estranxeiros, o desenvolvemento de accións que contribúan á sustentabilidade, a capacitación de  recursos humanos, a calidade, a innovación, a transformación dixital, os plans de sinalización, a consultoría tecnolóxica, a innovación e a promoción de Destinos Turísticos Intelixentes son os principais ámbitos de colaboración recollidos no protocolo.

 

Este acordo entre o Clúster Turismo de Galicia e Ageinco terá unha vixencia de dous anos que poderán ser prorrogados outros dous anos máis.