Finaliza Turexpo Galicia con grandes expectativas para este exercicio turístico

ACTIVIDADES

Finaliza Turexpo Galicia con grandes expectativas para este exercicio turístico

O Clúster participou no Salón Turístico de Galicia cun espazo propio e facilitando o acceso das empresas galegas á bolsa de contratación.

 

A undécima edición de Turexpo Galicia celebrouse en Silleda entre o 2 e o 5 de xuño no marco da 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia baixo un ambiente de optimismo acerca da tempada estival. A participación do Clúster Turismo de Galicia centrouse na posta en valor do destino Galicia contando para iso cun espazo expositivo e colaborando na distribución de 25 pases a empresas que participaron na bolsa de contratación. Un total de 35 operadores de 11 países estiveron presentes na devandita feira, contribuíndo tamén á estratexia de internacionalización que o noso turismo impulsou durante este último exercicio.

 

As empresas puideron mostrar en Turexpo os seus produtos e servizos turísticos, tanto a operadores do sector turístico fomentando vínculos comerciais, como mesmo a posibles visitantes, que fundamentalmente durante as xornadas da fin de semana se achegaron ás instalacións do recinto feiral de Silleda.

 

Púidose comprobar como boa parte destes operadores manifestaron o seu interese en produtos e servizos turísticos sostibles (Camiño de Santiago, ecoturismo, turismo gastronómico, turismo accesible,…) poñendo en evidencia a importancia da preservación da nosa contorna por parte de quen nos visita.

 

Na bolsa de contratación participaron máis de 130 empresas que se reuniron con 35 operadores turísticos nacionais e internacionais xerando así unha axenda con máis de 2.100 citas segundo a organización. Froito diso, púxose de manifesto que este exercicio ten moi boas perspectivas xerando unha sensación de optimismo entre os participantes.