destacados

As cinco denominacións de orixe participan nesta iniciativa que incluirá visitas guiadas ás adegas e numerosas actividades paralelas, e que se iniciará a fin de semana do 13 ao 15 de maio no Ribeiro.

 

Galicia volve presumir de enoturismo e cultura vitivinícola cunha nova edición, a undécima xa, das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño, unha iniciativa na que tomarán parte máis de 60 adegas das cinco denominacións de orixe. A posibilidade de participar en visitas guiadas e gratuítas a todas elas é o piar principal sobre o que asenta esta proposta impulsada polas rutas do viño do Ribeiro, as Rías Baixas, Valdeorras, a Ribeira Sacra e Monterrei xunto coa Axencia Turismo de Galicia, pero a iniciativa vai moito máis alá e inclúe un amplo programa de actividades paralelas ao redor da gastronomía, o patrimonio e a natureza con visitas a museos, rutas guiadas por paraxes e espazos de interese e, nalgún caso, paseos en barca. Os restaurantes que se adheriron tamén a esta iniciativa ofrecerán menús preparados especificamente para a ocasión na que os pratos serán maridados con viños da denominación de orixe correspondente.

 

A undécima edición destas xornadas de portas abertas arrincará no Ribeiro os días 13, 14 e 15 de maio e irase desenvolvendo durante as fins de semana seguintes polos espazos das outras catro denominacións: do 20 ao 22 de maio nas Rías Baixas; do 27 ao 29, en Valdeorras; do 3 ao 5 de xuño na Ribeira Sacra, e do 10 ao 12 de xuño, en Monterrei.

 

Cada fin de semana haberá catro visitas guiadas: tres, os sábados ás 11, 12.30 e 17 horas, e una os domingos ás 12 horas. Os participantes dispoñerán dun servizo de autobús, o Bus do Viño, para desprazarse ata cada zona desde algunhas cidades e localidades de referencia gozando dun servizo de guía pola ruta establecida. É necesario reservar con antelación a través dos servizos habilitados por cada unha das rutas do viño posto que as prazas son limitadas.

 

Esta undécima edición das Xornadas de Portas Abertas ten unha importante novidade musical. Os compositores galegos Ana Rodríguez e Carlos Calviño crearon, en colaboración co enólogo Jorge Hervella, unha peza inspirada en cada unha das denominacións de orixe que servirá para engadir o apartado sonoro á experiencia da cata.

 

Ademais, a través do perfil en Facebook de Turismo de Galicia realizaranse tres sorteos por cada ruta do viño dunha noite de aloxamento e unha comida para dúas persoas nalgún dos establecementos que participan na campaña En total, serán 15 os premios aos que poderán optar os participantes.

09 de Maio de 2022

O enoturismo volve brillar coas Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia

As cinco denominacións de orixe participan nesta iniciativa que incluirá visitas guiadas ás adegas e numerosas actividades paralelas, e que se iniciará a fin de semana […]
08 de Maio de 2022

Pontevedra aposta pola Enogastronomía para impulsar o desenvolvemento no rural

O Clúster participa a través da Mesa Provincial de Turismo no proxecto que impulsa a Deputación.   A enogastronomía é a base sobre a que se […]
06 de Maio de 2022

Comeza a repartición dos bonos #QuedamosEnGalicia22

A primeira tarxeta foi entregada en Outes polo vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda.   Os beneficiarios dos bonos turísticos #QuedamosEnGalicia22 impulsados pola Xunta para incentivar o […]
05 de Maio de 2022

A rede pública de albergues en Galicia crecerá ata os 78 establecementos e 4.200 prazas a finais deste ano

Ao novo local que abrirá as súas portas estes días no Saviñao sumarase en datas próximas outro en Carballeda de Valdeorras.   A oferta de aloxamentos […]