O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, encabezou a semana pasada unha reunión de traballo coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, para seguir fortalecendo os lazos de colaboración entre dous sectores clave para o desenvolvemento sostible do territorio galego: o turismo e o sector primario.
Ao encontro tamén asistiron o vicepresidente do Clúster, Jesús Picallo, o tesoureiro Alfonso Martínez e representantes da Secretaría Técnica, xunto cos directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, e de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.
Durante a reunión, abordáronse as sinerxías existentes entre a oferta turística e os produtos de calidade diferenciada do campo galego, e puxéronse en común novas vías de colaboración para seguir impulsando unha estratexia conxunta que potencie o posicionamento de Galicia a través da súa identidade gastronómica, o seu rural e a súa autenticidade.
Desde o Clúster púxose en valor o papel da oferta enogastronómica como unha das principais motivacións de viaxe a Galicia, ademais do seu potencial para xerar economía local, promover o territorio e contribuír á conservación das tradicións e paisaxes do rural.
A reunión enmárcase na estratexia do Clúster para seguir construíndo pontes entre os distintos axentes vinculados ao desenvolvemento turístico de Galicia, cunha visión integradora que pon no centro a sostibilidade, a innovación e o valor do territorio.