destacados

  • A previsión de estancia media para o vindeiro mes supera as cinco noites e o prezo medio por noite rolda os 100 euros.
  • Galicia pechou o mes de xuño cunha porcentaxe de ocupación de preto do 62%, con picos de ata o 86% na ponte de San Xoán.
  • presidente de Clúster e o director de Turismo de Galicia presentaron hoxe datos de balance do mes de xuño e as previsións de xullo así como novas ferramentas de monitorización e análise de datos para o sector.

 

Os establecementos de aloxamento galegos teñen vendidas preto da metade da prazas para o mes de xullo. A día de hoxe as reservas formalizadas sitúanse nun 51,86%, cun prezo medio por noite de 98,96 euros. Estes datos son parte das previsións para o vindeiro mes que avanzaron esta mañá o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nunha rolda de prensa, na que tamén deron conta do balance do mes de xuño.

 

Os datos, procedentes do Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento, SIMADA, que puxo en marcha o Clúster en colaboración con Turismo de Galicia, apuntan a que a estancia media para o mes de xullo está en torno a 5,49 noites. Ademais, os datos dispoñibles sinalan que a  procedencia dos viaxeiros será maioritariamente de orixe nacional (61,68%) e nun 19,68% internacional, aínda que nestes momentos o 18,51% dos viaxeiros que realizaron unha reserva non indicaron a súa orixe.

 

Respecto ao mes de xuño, a porcentaxe de ocupación nos aloxamentos galegos situouse no 61,91% cun prezo medio por noite de 69,56 euros. Cómpre sinalar que, tanto a ocupación como o prezo por noite alcanzaron picos de máis do 86% e os 82 euros nalgunha xornada da ponte de San Xoán. A porcentaxe media de ocupación nos días da ponte, entre o venres 20 e o martes 24 de xuño, foi do 70,43% e o prezo medio de 78 euros.

 

A estancia media durante xuño foi de 3,69 noites e respecto a procedencia dos visitantes, a maioría, preto do 70%, foron de orixe nacional e preto do 28% internacionais. En canto aos países de orixe dos viaxeiros internacionais, en primeiro lugar está Portugal, seguido de Estados Unidos, Polonia e Alemaña.  No caso dos viaxeiros nacionais, Madrid é a Comunidade de orixe maioritaria, seguida de Andalucía, Castilla y León e Castilla-La Mancha.

 

SIMADA

 

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia explicou o funcionamento de SIMADA, un sistema que ofrece ás empresas adheridas datos actualizados de ocupación, prezos e canles de venda, o que lles permite tomar decisións estratéxicas e axustarse ás tendencias do mercado en tempo real. A información procede, esencialmente, dos sistemas de xestión dos propios aloxamentos e compleméntase con datos de web scrapping de sitios relevantes de comercialización turística e información estatística do INE ou AENA.

 

SIMADA é sistema gratuíto ao que pode acceder calquera empresa de aloxamento que ceda os seus datos, que se consultan sempre de forma agregada e anónima, con todas as garantías de seguridade e confidencialidade. O acceso á información realízase a través dunha aplicación web accesible e sinxela, deseñada para que calquera usuario poida aproveitar ao máximo as súas funcionalidades sen necesidade de coñecementos técnicos avanzados.

 

O presidente do Clúster e o director de Turismo anunciaron a sinatura nos vindeiros días dun convenio de colaboración cunha achega de Xunta de 72.600 euros para avanzar na segunda fase de implantación de SIMADA, que permitirá incorporar novas funcionalidades, e estender o alcance do sistema a máis empresas grazas á actividades de difusión e asesoramento.

 

02 de Xullo de 2025

Os aloxamentos galegos teñen xa preto da metade das prazas vendidas para o mes de xullo

A previsión de estancia media para o vindeiro mes supera as cinco noites e o prezo medio por noite rolda os 100 euros. Galicia pechou o […]
01 de Xullo de 2025

Preguntas frecuentes: Rexistro de viaxeiros e as súas implicacións para aloxamentos e axencias de viaxes

Preguntas frecuentes sobre o tratamento de datos persoais no marco do Real Decreto 933/2021, do 26 de outubro, polo que se establecen as obrigas de rexistro […]
25 de Xuño de 2025

Abertas as inscricións para o workshop profesional de Fairway Santiago 2025 con condicións especiais para as empresas asociadas ao CTG

As empresas asociadas ao Clúster poderán beneficiarse dunha cota de participación bonificada pola súa vinculación institucional.   O prazo de inscrición para o workshop profesional de […]
17 de Xuño de 2025

O Clúster Turismo de Galicia promociona a oferta galega nas xornadas inversas de Turespaña con EE. UU. e Canadá

As xornadas tiveron lugar do 9 ao 12 de xuño en Sevilla. Estiveron presentes máis de 75 axentes norteamericanos.   O Clúster Turismo de Galicia participou […]