As actuacións aprobadas na conferencia sectorial centraranse na potenciación da costa como reclamo para o turismo.
Galicia recibirá un total de 29,3 millóns de euros dos fondos Next Generation para levar a cabo o Plan Territorial Litoral. Esta é a ferramenta a través da que a comunidade vai xestionar os fondos da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos que acaban de acordar o Goberno central e os seus homólogos autonómicos na última reunión da Conferencia Sectorial de Turismo.
Os fondos destinados a Galicia permitirán materializar tres Actuacións de cohesión en destino (ACD), que serán promovidas directamente pola Xunta, e dez Plans de sustentabilidade turística en destino ( PSTD), que serán impulsados polos concellos e outras entidades de ámbito local, comarcal e provincial. Para esta convocatoria, o Goberno autonómico optou por establecer como prioridade potenciar o valor das nosas costas como reclamo turístico a través da conservación dos seus recursos e a mellora das súas infraestruturas.
As PSTD aprobadas en Galicia, que se repartirán 18 millóns de euros, son as seguintes: deseño e construción do Museo do Mar de Ribeira; creación dun centro BTT nas Fragas do Eume, con acondicionamento de rutas para bicicletas, aparcamento disuasorio, lanzadeira eléctrica e área de servizo para caravanas no municipio de Cabanas; creación de programas de experiencias de xeoturismo, mellora das pequenas empresas turísticas, promoción da gastronomía e os produtos locais e creación dunha rede de centros de interpretación do Xeoparque do Cabo Ortegal; transformación das infraestruturas turísticas, mellora da accesibilidade e potenciación dos mercados da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas; sendas litorais, ampliación da rede de miradoiros, contidos dixitais e área de servizo para autocaravanas e bicicletas na zona da ría de Muros e Noia; restauración do lago Castiñeiras, creación de piscinas naturais no borde litoral e unha estación BTT, e posta en marcha dun servizo de alugueiro de bicicletas e patinetes eléctricos en Marín; renaturalización da contorna de Santa Liberata, mellora do carril bici, sistema de alugueiro de bicicletas e aparcamento disuasorio en Baiona; continuación da vía verde do Salnés no municipio de Pontevedra e iluminación de espazos naturais; acondicionamento na zona da Telleira, mellora da contorna do Pazo de Quintáns e dixitalización de museos e centro de interpretación, en Sanxenxo; e renaturaliración nas ribeiras dos ríos, iluminación eficiente do patrimonio, recuperación do patrimonio etnográfico e creación do primeiro museo ao aire libre sobre o Corpus Christi de Ponteareas, nas comarcas do Condado e Paradanta.
As tres ACD impulsadas pola Xunta están dotadas con 11,3 millóns e permitirán actuar sobre os recursos emblemáticos do litoral (rehabilitación do patrimonio, mellora da fachada turística e dixitalización de recursos con potencial turístico), a senda litoral de Galicia (mellora do trazado e do mantemento, así como sinalización intelixente), e revalorizar os portos e as actividades náutico deportivas (dotación de equipos de mobilidade sostible para destinos de cruceiros, mellora da eficiencia e a dixitalización dos portos e creación dunha rede de circuítos de visitas para os turistas náuticos).