O Clúster Turismo de Galicia participou a pasada semana no I Congreso de Turismo Familiar da Comunitat Valenciana, organizado polo club de produto Tour&Kids. O encontro reuniu a destinos, empresas e entidades do sector para analizar as tendencias, retos e oportunidades dun segmento que continúa crecendo e gañando relevancia no panorama turístico nacional.
Durante a xornada, Manuel Veloso, da secretaría técnica do Clúster, presentou a evolución e consolidación da marca Galicia Destino Familiar (GDF), o selo de calidade impulsado polo Clúster co apoio da Xunta-Axencia Turismo de Galicia que agrupa a empresas e establecementos comprometidos cunha oferta adaptada a este segmento familiar.
Veloso subliñou o traballo realizado nos últimos anos para fortalecer o turismo familiar en Galicia, destacando a importancia de avanzar cara a un modelo máis desestacionalizado, responsable e centrado na calidade da experiencia. Na súa intervención, o representante do Clúster presentou ademais a nova campaña ‘Galicia, tan de todos’, deseñada para reforzar o vínculo emocional coas familias a través dunha Galicia máis auténtica, próxima e acolledora no outono.
O Congreso permitiu, así mesmo, revisar a situación actual do turismo familiar en España. Os datos presentados por Tour&Kids confirman o papel estratéxico deste segmento, impulsado en 2025 polo crecemento do mercado interno, o auxe das escapadas máis aló do verán, o interese por destinos non masificados e o incremento de novas fórmulas de viaxe como as escapadas de avós e netos ou tíos e sobriños. Tamén se destacou a crecente demanda de experiencias que combinan lecer e aprendizaxe.