A feira turística da capital alemá celebrarase desde este martes 7 ata o xoves 9.
A misión comercial promovida polo Clúster Turismo de Galicia para representar ao sector turístico galego na próxima edición da ITB Berlín, a veterana feira turística internacional da capital alemá, xa está lista. Unha ducia de empresas e unha vintena de profesionais desprazaranse ata Berlín para mostrar entre este martes 7 e o xoves 9 unha mostra de todo o que a nosa terra ten que ofrecer aos visitantes doutros países.
Rutas Meigas, Tee Travel, Pazo Los Escudos, Viajes Interrías, ArtNatura, Pazo do Río, Hostel Monasterio de Moraime, MEGA Mundo Estrella Galicia, Circuitos Galicia Viajes, Always Spain Incoming, OCA Hotels, EasyGalicia, o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, Aventura e Natureza (Agetan) son as empresas e entidades que forman parte desta misión comercial encabezada polo presidente do Clúster, Cesáreo Pardal; o vicepresidente, Jesús Picallo, e a vogal do consello executivo Sara Santos.
Esta edición da ITB Berlín regresa ao seu formato presencial habitual que fora alterado pola pandemia da covid e faino disposta a reivindicar a súa posición como unha das citas máis importantes do sector turístico mundial. Así o acreditan os máis de 4.500 expositores que se darán cita no centro de exposicións Messe Berlin en representación de 150 países dos cinco continentes.