Galicia estará presente na feira internacional que se celebra do 30 de novembro ao 2 de decembro na capital catalá.
O turismo de eventos ten unha cita esta semana en Barcelona. A capital catalá celebra do 30 de novembro ao 2 de decembro unha nova edición da IBTM World, unha feira internacional que serve de gran punto de encontro para os representantes da industria de conferencias, reunións e incentivos. As actividades desenvolveranse nas instalacións da Fira Barcelona congregando a máis de 15.000 profesionais en representación de 3.000 destinos de 100 países de todo o mundo. E alí, estará representado tamén o sector galego a través do espacio de Turespaña, que albergará entre outras propostas, as de Turismo de Galicia e Galicia MICE.
Os organizadores calculan que durante os tres días de duración desta IBTM World celebraranse máis de 77.000 reunións de negocios que permitirán a expositores e compradores establecer conexións cara a cara. Estarán presentes empresas de xestión de viaxes de negocios, organizacións corporativas, empresas de xestión de destinos, empresas de xestión de eventos, axencias de incentivos, planificadores de reunións independentes, asociacións e sociedades internacionais, axencias de experiencias, organizacións non gobernamentais e organizadores profesionais de conferencias.
O programa de actividades previsto inclúe un apartado educativo “deseñado para brindar aprendizaxes tanxibles e solucións innovadoras para os asistentes nun mundo pospandémico baixo o título Novos negocios, nova tecnoloxía, novo mundo”. Dentro deste apartado celebraranse sesións sobre catro temas de actualidade: tendencias e tecnoloxía; gamificación e compromiso; o futuro da planificación de eventos, e desenvolvemento profesional e persoal. Ademais, haberá conferencias maxistrais a cargo de Alba del Villa Olano, experta en transformación dixital e emprendedora en serie; Gian Power, fundador e director executivo de TLC Lions, e Darren Coleman, especialista en experiencia e estratexia de marca.