O presidente do Clúster participou xunto a Nava Castro e un grupo de empresarios do sector turístico na presentación na capital italiana da promoción de Galicia centrada no Xacobeo.
O Palacio de Exposicións de Roma acolleu o martes o primeiro dos dous actos programados esta semana en terras italianas para promocionar o destino Galicia centrándose na oferta turística relacionada coa celebración do Ano Santo e do Xacobeo 2021-2022. Unha comitiva integrada pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e representantes do sector turístico exerceu de embaixadora de Galicia diante de empresarios e xornalistas italianos, que puideron coñecer a través dun workshop a oferta galega.
Durante a presentación, Cesáreo Pardal actualizou a famosa expresión “todos os camiños conducen a Roma” para explicar que “todos os camiños devólvennos a Roma e, hoxe sobre todo, todos os camiños lévannos a Galicia”. “O Camiño de Santiago, e a celebración dos anos de xubileu aos que denominamos Xacobeo, constitúe neste momento o maior e mellor sinal de identidade para o turismo de Galicia. A nosa terra e as nosas xentes afixéronse a recibir visitantes desde a Idade Media. Esta acumulación de coñecemento deu como resultado un destino preparado, acolledor e altamente especializado nun tipo de turismo pausado, non masificado e con inquietudes espirituais e culturais”, apuntou o presidente do Clúster antes de explicar que Galicia non só é o destino dos diferentes itinerarios do Camiño.
O turismo no mar, grazas ás praias acolledoras das rías e os portos deportivos; o turismo rural de calidade enmarcado por un territorio cunha ampla tradición agrícola, gandeira, artesá e vitivinícola; o turismo de reunións, convencións e congresos, con cidades de referencia no ámbito pesqueiro (Vigo) ou da moda e o deseño (A Coruña), e o patrimonio cultural, encabezado pola arquitectura relixiosa nada baixo o impulso do fenómeno da peregrinación, son algúns dos elementos que Cesáreo Pardal destacou na súa intervención en Roma. Ademais, sinalou que a promoción de todos estes aspectos foi o empeño ao que se entregou desde a súa creación no ano 2013 o Clúster Turismo de Galicia. “A nosa función foi ofrecer unha visión estratéxica para o turismo de Galicia, da man da Administración, a través da Axencia Turismo de Galicia, e dos expertos. Este esquema de colaboración entre o público, o privado e o coñecemento deu como resultado a oferta sólida e atractiva que hoxe podemos presentarlles”.
Cesáreo Pardal pechou a súa intervención apuntando que son tres os retos principais de cara ao futuro: “Avanzar na consolidación e promoción de Galicia como destino seguro; continuar o noso camiño na configuración dun destino intelixente e adecuado á transformación dixital da sociedade: e preservar os nosos espazos e ser respectuosos coas comunidades locais para manter o noso carácter de destino sostible”.
Milán, o xoves 11, será a segunda e última parada dunha viaxe que ten como obxectivo dar un impulso á celebración do Ano Santo fóra de Galicia e, especialmente, nun país como Italia, que é o segundo maior emisor de peregrinos estranxeiros ao Camiño de Santiago.