O Clúster promove este encontro networking en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia.
Empresas turísticas, xestores de destino e outros profesionais interesados no ámbito do turismo son os destinatarios do encontro networking que baixo o título “Sustentabilidade, patrimonio e experiencias: piares dun destino competitivo” organizou para o vindeiro martes 21 de decembro o Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.
A xornada celebrarase no Auditorio Municipal de Cambados en horario matinal (de 9.30 a 14 horas) e reunirá a destacados expertos para participar en mesas redondas sobre diversos temas relacionados cos plans de recuperación e transformación do sector, prestando especial atención á sustentabilidade en destino, os clubs de produto como oportunidade de negocio e a posta de valor do patrimonio desde a óptica turística. O obxectivo deste encontro é fomentar o intercambio de coñecementos entre os asistentes e impulsar tamén o networking para aproveitar o potencial de impulso para o sector que supón a chegada dos fondos Next Generation.
A inscrición é gratuíta e xa está aberta a través de https://bit.ly/3Eag21z. Ademais, será posible seguir todas as intervencións a través dunha retransmisión simultánea en streaming.
O programa da xornada
Os actos arrincarán ás 9.00 horas coa recepción e entrega de documentación a todos os participantes. A inauguración correrá a cargo da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
A primeira mesa redonda estará dedicada aos plans de sustentabilidade e contará coa participación de Gumersindo Guinarte, concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo de Santiago de Compostela; Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Mocidade da Deputación de Pontevedra; Alexandra Seara, xerente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra, e Adolfo Neira, da secretaría técnica do Clúster, que exercerá de moderador.
Mar Rodríguez, directora de Tee Travel e vogal do consello asesor do Clúster, moderará a segunda mesa redonda, que se centrará nos clubs de produtos. Nela intervirán o alcalde de Montilla e presidente da Ruta do Viño Montilla-Moriles, Rafael Chamas; a directora da Fundación Starlight, Antonia Varela, e o director de estratexia e innovación de Nateevo, Anxo Barbeiro.
A valorización do patrimonio para uso turístico será o eixo da última mesa redonda, na que Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster, encargarase de presentar e dar a palabra a Antonio Baeta, representante de Turismo de Portugal, e Gonzalo Arroita, consultor de Nacións Unidas en Patrimonio Cultural e Turismo.