A entidade, tres empresas e outros representantes galegos participan nas Xornadas Directas en América do Sur organizadas por Turespaña.
As actividades desenvolveranse na cidade brasileira o 26 e 27 de setembro e na capital arxentina o 29 e o 30.
Sudamérica é o novo destino das actividades de promoción turística no exterior nas que toma parte o Clúster Turismo de Galicia. Neste caso trátase dunhas Xornadas Directas organizadas por Turespaña que terán lugar en Brasil e Arxentina e nas que o Clúster difundirá un catálogo con información e propostas dunha vintena de asociados erixíndose unha vez máis como a voz do sector, aínda que non o fará en solitario. As empresas Tee Travel, Interrías e Pilgrim enviarán aos seus propios representantes para dar a coñecer as súas respectivas ofertas de actividades. E tamén haberá representantes do Museo MEGA Mundo Estrella Galicia, do Concello de Santiago e de Turismo de Galicia.
A cidade brasileira de Sao Paulo será a primeira parada desta viaxe promovida por Turespaña e as actividades alí previstas desenvolveranse o luns 26 e o martes 27. Os integrantes da delegación española poderán participar en varias roldas de reunións e networking con empresarios locais.
A segunda parte da viaxe levaraos ata Arxentina para tomar parte nun programa similar, que se desenvolverá o xoves 29 e o venres 30. Serán tamén dúas xornadas de reunións e networking, aínda que neste caso haberá un tempo dedicado non só a interactuar con empresarios locais, senón tamén a entrar en contacto con outros representantes latinoamericanos.
A viaxe encádrase no programa de encontros Spain Tourim Summit 2022, no marco do cal xa se desenvolveu a primavera pasada unha actividade similar en Miami con participación tamén do Clúster Turismo de Galicia.