O Clúster iniciou en Dublín a súa campaña de internacionalización 2023 do Destino Galicia

ACTIVIDADES

O Clúster iniciou en Dublín a súa campaña de internacionalización 2023 do Destino Galicia

Preto dunha decena de empresas galegas de receptivo participaron nun workshop con máis dunha trintena de emisores irlandeses para expoñer a variada oferta turística da nosa Comunidade.

 

Dublín, 9 de febreiro de 2023.- Dubín foi o primeiro destino elixido polo Clúster Turismo de Galicia para iniciar as actuacións de internacionalización do Destino Galicia durante este 2023. Unha delegación integrada por 7 empresas de receptivo encabezada polo presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, e o tesoureiro da entidade, Alfonso Martínez, mantiveron unha reunión de traballo con máis dunha trintena de empresas irlandesas para dar a coñecer a ampla variedade de oferta turística de Galicia e incrementar o fluxo de visitantes entre ambos os territorios.

 

Á capital irlandesa trasladáronse representantes das empresas Galiwonders, Rutas Meigas, Interrías, Pilgrim Travel, ArtNatura Galicia, Vioviajes y Always Spain Incoming, que tiveron a oportunidade de manter un contacto directo con emisores irlandeses para explicarlles as mil vivencias que ofrece a nosa comunidade, un destino que aglutina boa parte das tipoloxías de turismo preferidas pola maioría dos viaxeiros.

 

Nesta mesma liña incidiu o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, destacando que “somos unha terra de contrastes na que cada visita vivirase dunha forma diferente”. Pardal puxo en valor o esforzo dos profesionais do sector turístico galego para que “cada persoa que vén a Galicia volva a casa cunha experiencia para lembrar e co desexo de volver porque non hai unha soa Galicia, hai moitas.”

 

Entre as fortalezas do Destino Galicia puxéronse en valor desde as diferentes rutas do Camiño de Santiago, ás múltiples posibilidades do turismo rural, fluvial, marítimo, termal ou gastronómico, sen perder de vista os nosos 6 parques naturais, o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou que somos unha das comunidades con maior número de praias con bandeiras azuis.

 

Cesáreo Pardal sinalou que sobre este patrimonio natural e cultural “conformamos unha oferta turística moi variada, baixo a premisa da sustentabilidade desde todos os seus ámbitos”. Unha oferta turística respectuosa co medio ambiente, que contribúe á conservación do patrimonio e á xeración de riqueza nas comunidades locais. Un turismo afastado da masificación que permite ao viaxeiro imbuírse do espírito dos lugares que visita. O presidente do Clúster destacou que ao turista que se achega a Galicia “non só ofrecémoslle unha viaxe senón que lle ofrecemos experiencias”.