O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, é un dos relatores do encontro que se celebra en Baiona do 24 ao 26 de novembro.
O Parador de Baiona converterase durante os próximos días (do 24 ao 26 de novembro) nun espazo para o debate e o intercambio de ideas en torno ao desenvolvemento sostible desde o océano Atlántico. O Blue Atlantic Forum (BAF), que organiza o Concello de Baiona co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, reunirá durante esas tres xornadas a expertos de ámbitos moi diversos para falar sobre a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo marítimo e de costa. E neste último ámbito, que será abordado o sábado 26, será no que o Clúster Turismo de Galicia estará presente unha vez máis para dar voz ao sector.
Cesáreo Pardal, presidente do Clúster, é un dos relatores que tomarán parte na segunda mesa redonda prevista para esa xornada final do Blue Atlantic Forum e que leva por título “As rías galegas: destino azul e inclusivo”. Xunto a el estarán Pablo Mariño, CEO do proxecto de turismo mariñeiro Bluscus; Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa, e Ruth González, xefa do servizo de Turismo das Rías Baixas.
Ciprián Rivas, director xeral de Ordenación e Promoción Turística de Canarias; Alberto Traversa, coeditor da revista especializada La Alacena Roja; Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño das Rías Baixas; Isaac González, responsable de Elemental Chefs, Elemental Strets e Rei Zentolo; Jacobo Camba, presidente da asociación Ídilicamente; Severino Casal, vicepatrón da Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela e guía de turismo mariñeiro en Amartumar; Maruxa Álvarez, responsable do curso superior Icemar; Elena Herbello, xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo; Pupe Jueguen, secretaria de Amarcarril; Ana Laura Iglesias, responsable de Turismo da Deputación de Pontevedra; Silvia Gil, do departamento de proxectos, comunicación e márketing de Fedespesca, e Rodrigo Burgos, director do Museo Estrela Galicia, son outros dos invitados para intervir na xornada que o foro de Baiona dedica ao turismo.
Os promotores do BAF explican que se trata dun espazo de encontro entre institucións públicas e entidades privadas para favorecer o desenvolvemento de ideas e iniciativas que permitan mellorar a sustentabilidade dos sectores claves ligados ao mundo do mar e ao litoral. As sesións do BAF poderán seguirse en streaming de forma gratuíta a través da web www.blueatlanticforum.org. Ademais, os organizadores puxeron ao dispor dos asociados do Clúster Turismo de Galicia catro entradas para cada unha das tres xornadas.