Cesáreo Pardal foi o encargado de pechar a primeira das dúas xornadas organizadas pola Amtega e a Axencia Turismo de Galicia.
Explicou que “agora toca aproveitar ao máximo o potencial das tecnoloxías disruptivas que marcan esta nova década, como o Big Data, a Intelixencia Artificial ou o 5G”.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, é unha das voces autorizadas do sector turístico á que recorreron a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Axencia Turismo de Galicia para tomar a palabra nos Foros EDIT e analizar a importancia e a implantación dos Destinos Turísticos Intelixentes como ferramentas para asegurar o futuro do sector no ámbito da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Durante dúas xornadas, representantes da administración, a empresa, o ámbito da investigación e académico, os centros tecnolóxicos e outros axentes relacionados co turismo analizaron na Cidade da Cultura cuestións como a sustentabilidade, a análise do datos na planificación turística, a colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal e as experiencias tecnolóxicas no ámbito privado.
Para pechar a primeira das dúas xornadas, a do pasado luns día 10, os organizadores dos Foros EDIT recorreron á directora da área de Competitividade de Turismo de Galicia, Ana Lestido, e ao presidente do Clúster, quen na súa intervención reivindicou a importancia da sustentabilidade e da dixitalización para afrontar os novos retos e asegurar o futuro do sector turístico galego. Cesáreo Pardal explicou tamén que o turismo intelixente, a sustentabilidade e a adaptación á nova realidade tras a pandemia son tres dos eixos principais do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021–2023 que o Clúster elaborou en colaboración coa Xunta de Galicia, as tres universidades galegas e a industria turística.
Así mesmo, o presidente do Clúster apuntou que Galicia xa veu dando pasos pola senda da dixitalización nos últimos anos con iniciativas como as plataformas Turespazo e Smart Camiño ou a aceleradora de turismo Turislab, e sinalou que a achega tecnolóxica ten estado tamén moi presente en accións emprendidas xa durante a pandemia para paliar os seus efectos sobre o sector, como foron os bonos turísticos Quedamos en Galicia.
“Agora toca aproveitar ao máximo o potencial das tecnoloxías disruptivas que marcan esta nova década, como o Big Data, a Intelixencia Artificial ou o 5G. A súa aplicación permitirá mellorar o coñecemento dos perfís dos viaxeiros e dos posibles clientes, a xestión de experiencias e reservas, a promoción ou a comunicación”, apuntou tamén Cesáreo Pardal na súa intervención.