O vindeiro xoves, 16 de outubro, celebrarase en Santiago de Compostela a xornada “Eficiencia e Geotermia no Sector Turístico”, organizada pola Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega) coa colaboración do Clúster Turismo de Galicia. O evento terá lugar no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (Rúa Ramón Piñeiro, 23) e dará comezo ás 11:30 horas.
A cita pretende impulsar o uso de enerxías renovables e tecnoloxías eficientes nos establecementos turísticos, destacando o papel da geotermia como unha ferramenta clave para a modernización e sustentabilidade do sector. Será, ademais, un punto de encontro para profesionais do turismo, responsables de aloxamentos, técnicos enerxéticos e entidades públicas e privadas interesadas en mellorar a eficiencia das súas instalacións.
A apertura contará coas intervencións de Xosé Merelles, director de Axencia Turismo de Galicia; José Manuel Lamela Rivera, vogal do ICOIIG Santiago; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia; e Manuel López Portela, presidente de Acluxega.
O programa incluirá dous paneis temáticos: un centrado na eficiencia enerxética e as axudas dispoñibles para o sector turístico, e outro adicado á presentación de casos de éxito en aloxamentos galegos, como o Hotel IMI (Ourense), os Apartamentos Pincheiro (A Pobra do Caramiñal) e a Casa Rural Gandarela e o Albergue Ferramenteiro (Portomarín).
As inscricións continúan abertas para as persoas interesadas en asistir, que poden formalizar a súa participación a través do formulario habilitado na seguinte ligazón.