A Cidade da Cultura acolleu a xornada de formación a profesionais de sector turística orientada a coñecer en maior profundidade as ferramentas financeiras de que dispoñen para levar adiante os seus negocios así como as axudas públicas actualmente en vigor. Impulsada polo Clúster Turismo de Galicia e o Banco Sabadell, o encontro contou coa participación de medio centenar de profesionais do sector e coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que destacou a importancia de celebrar encontros deste tipo que contribúen a dar a coñecer as axudas das que os empresarios do sector se poden valer, polo que tamén agradeceu ao Sabadell a súa boa disposición para cooperar co sector e axudar na tarefa de modernización e mellora da competitivade. De feito, esta entidade financeira, coa que o CTG mantén un convenio de colaboración desde 2017 estase situado como a banca líder en empresas do sector turístico pola súa alta especialización na materia e o desenvolvemento de produtos específicos desenvolvidos para dar resposta financeira especializada a un colectivo pouco homoxéneo e moi fragmentado como é o turístico.
Precisamente esta diversidade e a diferente idiosincrasia dun sector tan transversal como o turístico é un dos aspectos que, en ocasións, fai complexo atopar solucións globais para o conxunto do sector. De aí a importancia de poder contar con asesoramento personalizado e opción de resolución de dúbidas, aspectos que o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, destacou desta xornada.
“Queremos que este tipo de accións sexan moi dinámicas e cun carácter moi práctico. É a primeira ocasión en que organizamos unha xornada específica sobre cuestións finanancieras pero detectamos que se xeran moitas dúbidas na solicitude de axudas públicas e na xestión de fondos e o noso sector ten unha casuística moi especial polo que é importante que os nosos empresarios se familiaricen con todas as opcións que teñen ao seu alcance para modernizar e facer máis competitivo o seu negocio. Diso dependerá moi posiblemente o seu futuro”.
Neste sentido, José María Martín Rigueiro, Director de Negocio Turístico e Hostaleiro de Banco Sabadell destacaba que “con xornadas como a de hoxe Banco Sabadell demostra con feitos a súa proposta de valor dirixida ao sector turístico. Por este traballo, recibimos a Marca Q de Calidade do Instituto para a Calidade Turística Española que recollemos nun acto celebrado fai moi pouco aquí mesmo, na Cidade da Cultura. Iso rubrica a nosa aposta a favor de Galicia, a calidade turística e a excelencia”.
Rigueiro foi un dos participantes na xornada, en cuxa intervención desagregou as posibilidades que ofrece Sabadell Negocio Turístico, que conta con “un servizo especializado orientado a un colectivo moi heteroxéneo, con necesidades moi específicas e que representan un sector de actividade moi puxante en Galicia”.
A xornada tamén incluíu un relatorio sobre os incentivos autonómicos para o sector turístico orientados ao investimento do IGAPE, a cargo de Beatriz Calderero Mir e outra sobre as axudas para a implantación da Q de Calidade Turística, a cargo de Modesto Rouco. Ambos desagregaron os diferentes programas cos que conta a administración pública para a mellora da competividad turística como son Reforma-tur, Galicia Inviste; Galicia Emprende, orientada aos emprendedores; as axudas á implantación da industria 4.0 e os servizos Re-acciona TIC, profundando sobre as características de obrigado cumprimento para a súa solicitude así como os aspectos que son obxecto de subvención, así como as axudas para a implantación e renovación da Q de Calidade.
Renting e ferramentas fiscais para mellorar a rendibilidade
O consultor de Big Peme Anxo Mejías foi o responsable do relatorio coa que se abriu a segunda parte da xornada, centrada en facer reflexionar aos participantes sobre os ingredientes imprescindibles que fan unha peme viable, nos que a parte financeira ocupa un lugar fundamental. Así, a captación de financiamento, a optimización da xestión para incrementar o beneficio e as ferramentas para reducir o gasto fiscal foron aspectos que abordou este consultor.
Finalmente Tomás Manuel Abeigón Vidal, Director de Negocio Turístico Hostaleiro Territorial Noroeste de Banco Sabadell foi o encargado do último relatorio, centrada no explicar o renting hostaleiro como opción flexible e viable para mellorar o financiamento do empresario turístico, abordando as diferentes tipoloxías de contratos e expondo diferentes exemplos de uso do renting neste sector.