Ourense convírtese este ano na sede dos Encontros Anuais do Clúster Turismo de Galicia, unha iniciativa coa que o CTG busca profundar no coñecemento de Galicia como destino turístico e servir de punto de encontro para o conxunto do sector implicado en mellorar a posición competitiva de Galicia no mercado turístico global. A cita será o próximo 27 de abril nunha xornada única que se desenvolverá no Centro Cultural Marcos Valcárcel e que contará coa presenza, entre outros, da Secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Nesta nova edición o III Encontro Clúster Turismo de Galicia nace baixo o título #Estratexia 2020 e é que, trala recente aprobación da nova Estratexia de Turismo de Galicia 2020 que marca a folla de ruta do sector para o próximos catro anos, a xornada irá encamiñada a ofrecer unha visión de conxunto das tendencias actuais e trazar a orientación de futuro para o sector en Galicia baixo os criterios trazados no plan estratéxico aprobado pola Xunta o mes pasado.
Termalismo e gastronomía, deportes e turismo, innvación e novas tecnoloxías, o Encontro Clúster Turismo de Galicia abordará as sinerxías que pode desenvolver o sector turístico con outros eventos de carácter cultural, deportivo ou gastronómico para o que se contará coa presenza de destacados relatores vinculados coa mercadotecnia turística, o turismo deportivo, enogastronómico e, como non podía ser doutra maneira celebrándose o encontro na cidade das Burgas, vinculados ao termalismo e o turismo de saúde. Tamén haberá espazo para o coloquio, as mesas redondas e o networking nas que tamén estarán presentes responsables de importantes grupos internacionais do sector da intermediación, as novas tecnoloxías ou o turismo colaborativo como Amadeus, IBM, Pangea, AirBnB…
Organizada en colaboración coa Deputación de Ourense, o Encontro está dirixido a profesionais do sector turístico, e a toda a cadea de valor que conforma o sector turístico en Galicia co obxectivo de crear sinerxías e traballar conxuntamente en prol do Destino Galicia. A participación a este encontro é libre e gratuíta, previa inscrición ata completar aforamento. O programa completo e o prazo de inscrición abriranse a próxima semana.