Pontevedra acolle unha xornada centrada na internacionalización do sector turístico galego

ACTIVIDADES

Pontevedra acolle unha xornada centrada na internacionalización do sector turístico galego

O encontro está impulsado polo Clúster Turismo de Galicia e a Deputación de Pontevedra

Clúster Turismo de Galicia e Deputación de Pontevedran volven tender pontes de cooperación para celebrar o vindeiro mércores, 19 de decembro, unha xornada profesional orientada ao sector turístico galego baixo o título “O reto da internacionalización para o sector turístico” que terá lugar na sede da Deputación provincial, en Pontevedra.
A iniciativa enmárcase dentro dos obxectivos do Clúster Turismo de Galicia, así como entre os establecidos no Plan Estratéxico de Turismo de Pontevedra e na propia Estratexia de Turismo de Galicia 2020, que establece a internacionalización como un dos retos de futuro para o sector en Galicia. Así o encontro desenvolverase cos seguintes obxectivos:
1. Informar sobre estratexias e accións de internacionalización que poden ser de utilidade para o sector do turismo de Galicia, en especial para o sector empresarial. Prestarase especial atención aos aspectos máis innovadores e ao uso de novas tecnoloxías nas estratexias de internacionalización
2. Ser unha ferramenta de networking e servir como punto de encontro das entidades sociais do Clúster de Turismo de Galicia, e en xeral dos profesionais e axentes do sector turístico galego.
3. Contribuír a divulgar as actividades que desenvolve o Clúster de Turismo de Galicia en materia de internacionalización.
O programa da xornada estrutúrase ao redor dunha única xornada de mañá, que se desenvolverá a través de relatorios e mesas redondas nas que participarán expertos en materia de internacionalización, co fin de ofrecer claves e estratexias de éxito no desafío da comercialización turística a nivel internacional, abordando as dificultades propias que entraña a captación de fluxos turísticos en mercados estranxeiros. En concreto nesta edición das xornadas de internacionalización do Clúster – a primeira delas desenvolveuse en Vigo hai dous anos- centrarase no mercado alemán e o portugués, coa participación dos responsables de turismo das OETs de Berlín e Lisboa, Arturo Ortiz Arduán e Natalia Briales Cristóbal. Ademais, abordaranse outros aspectos importantes nos procesos de comercialización internacional, como o uso das novas tecnoloxías e a innovación como motores de cambio no sector dentro dun mercado cada vez máis competitivo e diverso.