Os Organizadores Profesionais de Congresos presentaron en FITUR a celebración deste evento

Sustentabilidade, seguridade, tecnoloxía, territorio e emoción son algúns dos puntos que se tratarán no 32 Congreso Nacional de OPC España, que levará a cabo entre os días 20 e 22 de febreiro en Santiago de Compostela e cuxa celebración se presentou no marco de Fitur, como acción destacada da marca Galicia MICE, impulsada polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración coas empresas galegas vinculadas aos incentivos e a organización de congresos e eventos.

Representantes do sector turístico e de eventos galego e estatal déronse cita no acto de presentación, no que se avanzou que participarán “relatores de talla mundial que removerán conciencias”, como fórmula para o avance do sector MICE. “O Congreso Nacional é o congreso de congresos”, explicou a presidenta de Galicia MICE, Ana Trevisani, quen destacou que a súa celebración “é posible grazas ao traballo conxunto de distintas administracións e á sinerxía entre moitas empresas galegas”. Destacou a gran unión do sector na Comunidade, baixo o paraugas da marca Galicia MICE: “A nosa terra ofrece profesionais serios, fieis, eficaces e moi traballadores pero, ademais, ofrece ese plus que todo organizador desexa: sensacións e experiencias”.

Pola súa banda, a presidenta de OPC Spain, Matilde Almandoz, apuntou que ao Congreso asistirán representantes de todos os apartados do sector MICE: OPCs, DMCs, palacios de congresos, hoteis, espazos singulares, empresas audiovisuais e de oferta complementaria e destinos. A presidenta de OPC España destacou a calidade do programa deseñado, con “algúns dos mellores expertos do sector. Contaremos co médico e motivador Mario Alonso Puig; cos presidentes europeos da federación AC Forum e da asociación de empresas de branding 27 names, con CEOs de empresas de referencia; con expertos en xestión de destino; e con profesionais que impartirán talleres prácticos”.

Mentres, a directora de Turismo de Galicia falou do turismo de congresos como “unha gran oportunidade para a Comunidade”, posto que “conta cun alto valor engadido, permite desestacionalizar e ofrece a oportunidade de fidelizar aos clientes”. Nava Castro anunciou que
tras o Congreso de OPC España a Xunta presentará un “estudo específico sobre o sector, para coñecer o impacto real do turismo de congresos en Galicia”. Aos profesionais sinaloulles: “En Galicia tedes un sitio para celebrar os vosos congresos, con todos os equipamentos posibles e no que atoparedes sempre a nosa hospitalidade”.

Convocatoria pioneira
O Palacio de Congresos de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá o groso do Congreso, con relatorios centrados na sustentabilidade dos eventos, a adaptación a novos avances tecnolóxicos, a seguridade nas reunións ou a consolidación de destinos. A convocatoria
galega será pioneira en varias frontes. Por vez primeira nas 32 edicións do Congreso de OPC España, realizarase unha medición da pegada de carbono do evento. Trátase dunha iniciativa que pretende servir de exemplo para próximas convocatorias, dado que a sustentabilidade é un dos retos máis importantes do sector MICE no futuro inmediato. En paralelo ao programa científico da reunión levarán a cabo visitas a diversos atractivos turísticos como o Camiño de Santiago, a cidade vella da Coruña ou a Cidade da Cultura, e mostrarase aos asistentes a creatividade dos novos cociñeiros galegos.

29 de Xaneiro de 2020

Sustentabilidade e tecnoloxía, eixos do Congreso de OPC España, que se celebra en Galicia en febreiro

Os Organizadores Profesionais de Congresos presentaron en FITUR a celebración deste evento Sustentabilidade, seguridade, tecnoloxía, territorio e emoción son algúns dos puntos que se tratarán no […]
27 de Xaneiro de 2020

Presentado en Fitur un novo volume da guía turístico-gastronómica “E para comer, Lugo”

A Feira Internacional de Turismo de Madrid foi o escenario elixido unha vez máis pola Apehl para o lanzamento dunha nova guía da colección “E para […]
27 de Xaneiro de 2020

Máis de 77.000 visitantes achegáronse á caseta de Galicia en Fitur para coñecer a oferta turística do territorio

Máis de 77 mil persoas visitaron o stan de Galicia ao longo do cinco días de desenvolvemento da Feira Internacional de Turismo, Fitur 2020, que pechou […]
22 de Xaneiro de 2020

Galicia asume a coordinación da España verde co obxectivo de potenciar o camiño como eixo vertebrador do norte peninsular

A marca turística integrada por Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco traballan para fixar liñas de traballo conxuntas e prioridades entre as que se sitúa a […]