Como parte do proceso de participación, descentralización e sustentabilidade do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, a Xunta de Galicia porá en marcha a partir de maio Xacobeo en Camiño, unha iniciativa que levará a promoción do próximo Xacobeo polo catro provincias. Cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, trátase dunha iniciativa pioneira que permitirá levar a cabo máis de 1000 actividades deseñadas para o público infantil e familiar que inclúen iniciativas no ámbito da música, das artes escénicas e da enogastronomía, así como exposicións e talleres coas que se espera a participación de máis de 400.000 persoas.
A programación de Xacobeo en Camiño desenvolverase durante dous días en cada concello. No primeiro día a xornada será de tarde cun espectáculo intergerenacional creado especialmente para a ocasión. O segundo día a programación ocupará toda a xornada con actividades de rúa, talleres, música tradicional, espectáculos de danza, circo e baile e unha actuación musical nocturna. “Son actividades que van máis aló da programación cultural, conectadas coa cultura local e que ofrecen a imaxe dos mellores valores do Xacobeo”, explicou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez antes de precisar que se trata dun programa “integramente galego” e que “aproveita os recursos e singularidades propios de cada vila”.
No transcurso desta reunión informativa para coordinar o programa, Román Rodríguez explicoulle aos representantes dos concellos que a Xunta de Galicia apoiará estas actividades coa montaxe da instalación, coordinando a comunicación e contratando a programación global e ao persoal técnico. Os concellos, pola súa banda, deberán ceder os espazos, achegar a programación local de orixe e elementos de produción de apoio.