O sector turístico galego supera as previsións de Semana Santa cunha ocupación de entre o 75% e o 90%

O sector turístico galego supera as previsións de Semana Santa cunha ocupación de entre o 75% e o 90%

A sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia ofrece un balance moi positivo que apunta á recuperación do sector, que entre o xoves e o sábado rexistrou en boa parte do territorio niveis de ocupación previos á pandemia.

 

As boas previsións meteorolóxicas para os festivos incentivaron as reservas de última hora cunha elevada ocupación nos hoteis de 4 estrelas ou superiores e tamén no turismo rural.

 

O Camiño de Santiago, con 1.500 peregrinos diarios chegando a Compostela, deixou un elevado nivel de ocupación nos establecementos da ruta.

 

O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional. aínda que nalgúns destinos como Santiago de Compostela comezaron a recuperar o turismo internacional.

 

A ocupación no sector turístico galego durante esta Semana Santa superou as expectativas previstas, rexistrando unhas porcentaxes de entre o 75 % e o 90 % nas zonas consultadas polo Clúster Turismo de Galicia. Os datos poñen de manifesto a recuperación do sector, que entre o xoves 14 e o sábado 16 de abril rexistrou en moitos territorios niveis de ocupacións propios dos anos prepandemia.

 

As boas previsións meteorolóxicas para os festivos incentivaron as reservas de última hora cunha elevada ocupación nos hoteis de 4 estrelas ou superiores e tamén no turismo rural, especialmente na Ribeira Sacra e na Mariña Lucense.

 

O Camiño de Santiago, con 1.500 peregrinos diarios chegando a Compostela, deixou un elevado nivel de ocupación nos establecementos existentes ao longo da ruta.

 

O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional, aínda que nalgúns destinos, como Santiago de Compostela, comezaron a recuperar o turismo internacional.

 

Análise por territorios

Atendendo a análise por zonas, tanto na provincia de Pontevedra como na cidade de Vigo as cifras de ocupación superaron as estimacións realizadas en base as reservas previas á Semana Santa chegando ate o 80 % entre xoves e sábado, grazas á mellora das previsións meteorolóxicas.

 

Pola súa parte, en Sanxenxo a porcentaxe de ocupación media rexistrada situouse ao redor do 80 %, cifra que se incrementou ata preto do 90 % nos hoteis de 4 estrelas. Estes datos tamén melloran as previsións para estas datas.

 

Os hoteis da cidade da Coruña rexistraron datos moi positivos cunha ocupación do 80 %, mentres que a porcentaxe de cancelacións foi mínima. Tamén a Costa da Morte mellorou as cifras de ocupación previstas (que se situaban en torno ao 60 %) grazas ás reservas de última hora, especialmente en establecementos de turismo rural, con casas casas que colgaron o cartel de completo.

 

A porcentaxe de ocupación en Santiago de Compostela roldou o 80 %, concentrándose a maior parte de reservas no casco histórico da capital galega, zona na que apenas houbo habitacións libres para os días festivos.

 

En Ferrol, onde a Semana Santa está declarada de Interese Turístico Internacional, os datos de ocupación acadaron cifras do 90 % o xoves e o venres, mentres que durante a fin de semana as reservas situáronse entre o 70 e o 80 %

 

Os datos da provincia de Lugo varían en función da zona consultada, aínda que tamén son alentadores, especialmente na MariñaLucense, onde se superou o 75 % de ocupación. O balance é moi positivo para a Ribeira Sacra, onde a ocupación estivo en liña co previsto. Nesta área tiveron especial éxito os hoteis de 3 e 4 estrelas e os establecementos de turismo rural, nos que se recollen cifras de ocupación superiores ao 90%. Por último, a chegada do tren de alta velocidade a Ourense parece impulsar o turismo, xa que a ocupación entre o xoves e o sábado na cidade roldou o 80%.