Axencias de viaxes de toda España poderán visitar unha exposición virtual e un espazo de encontro creado polo Clúster de Turismo de Galicia no que as empresas galegas darán a coñecer os seus produtos turísticos os días 17 e 18 de novembro.
Trátase dunha ferramenta á que os participantes poden acceder facilmente, previa inscrición, na que, dun xeito moi intuitivo e sinxelo, visitarán unha zona de posto para produtos e unha área de auditorio dedicada a proporcionar información máis xenérica sobre o destino Galicia.
Os visitantes poden acceder ao stand de cada expositor cun só clic. Unha vez dentro, poden concertar unha cita para falar coa persoa de contacto, ademais de ver o contido audiovisual: vídeos, folletos explicativos en pdf, etc.
Os stands poderán amosar un vídeo promocional, unha ligazón á páxina web do expositor, unha zona de conversa escrita ou de videoconferencia, ofertas comerciais, un dossier gráfico, unha zona de xogos ou sorteos, a posibilidade de personalización coa marca e acceso ás ligazóns de contacto (correo electrónico).
Os ‘workshops’ están abertos a 35 expositores, que serán empresas do sector turístico galego. Durante o primeiro día (17 de novembro), os visitantes serán representantes de Viajes El Corte Inglés de toda España. O 18 de novembro estará aberto á participación de todas as axencias de viaxes españolas.
As empresas interesadas en participar como expositores (ata un máximo de 35) deberán enviar un correo electrónico expresando o seu interese e facilitando a información básica: nome, apelidos, correo electrónico e teléfono de contacto. As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición. O prazo de inscrición remata o xoves 5 de novembro ás 13:00 horas.