O Hotel Grand Mariña de Barcelona acolleu o encontro de máis dun centenar de profesionais do sector turístico, medios de comunicación e turoperadores cataláns no I Workshop na capital catalá celebrado pola Deputación de Pontevedra, que viaxou até alí con 30 empresas pontevedresas que mantiveron encontros de traballo co obxectivo de promocionar as súas empresas e o Destino Rías Baixas.
Así, tras a xornada de traballo, tivo lugar un cóctel de presentación do destino Rías Baixas no que, ademais do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e do presidente de Feprohos, César Ballesteros, tamén se deron cita autoridades locais de Barcelona e o presidente do Centro Galego na cidade condal. Durante a presentación proxectouse o vídeo de Somos historias e déronse a coñecer os principais atractivos turísticos da provincia ao redor do patrimonio, eixo de promoción da Deputación durante este ano.
Pola súa banda a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mantivo unha completa axenda na capital catalá co obxectivo de pechar novas liñas de actuación para a potenciación da provincia de Pontevedra. Así, foi recibida pola alcaldesa de L´Hospitalet de Llobregat, Nuria Marín, coa que intercambiou opinións sobre políticas de igualdade e tamén mantivo un encontro de traballo coa dirección do Fórum Gastronómico, para abordar novas vías de colaboración que van permitir situar como referente de vangarda e calidade ao destino Rías Baixas.