Co fin de recompilar achegas por parte da turoperación galega sobre posibles accións de promoción e novos produtos que favorezan a recuperación do sector turístico galego, unha vez superásemos a crise do coronavirus, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha videoconferencia con diferentes turoperadores galegos nun encontro no que estivo acompañado polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. O encontro enmárcase da rolda de contactos que o Goberno galego mantén cos distintos axentes turísticos para avaliar o actual escenario e deseñar accións para facer fronte aos seus efectos.
Durante un encontro por videoconferencia con responsables das empresas Abramar, CN Travel, Interrías e Tele Travel, Román Rodríguez recompilou as achegas dos principais operadores de turismo galegos co obxectivo coñecer as súas necesidades e telas en conta á hora de pór en marcha as distintas iniciativas que se porán en marcha para favorecer a recuperación do sector. Neste sentido, incidiu na necesidade de manter unha intensa colaboración público-privada para traballar de xeito conxunto no día despois da crise sanitaria, impulsando medidas de reactivación no curto, medio e longo prazo.
Entre as iniciativas postas en marcha por parte do Goberno galego no campo turístico destaca o Plan de teleformación a través do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) que aspira a chegar a máis de 2.000 persoas. Esta acción ten como obxectivo mellorar as competencias os profesionais do sector a través dunha decena de relatorios interactivos sobre aspectos como a xestión dixital, a comunicación e a mercadotecnia en liña.