Baixo as máximas de seguir contruyendo un turismo de calidade orientado cara á internacionalización, a innovación e a diferenciación, o orzamento que manexa Turismo de Galicia para 2017 crece un 5,4% até alcanzar algo máis de 46 millóns de euros.
Unha das partidas que máis crecen para este próximo ano é a destinada á conservación e promoción do Camiño de Santiago, un 33% máis até superar os dous millóns de euros. Este reforzo destinarase á mellora das infraestruturas turísticas relativas ás rutas xacobeas coa finalización do albergue no centro da cidade de Ourense, a apertura dun novo albergue na Cabana-Friol, o equipamento do albergue da Fonsagrada e a dotación de albergue de peregrinos a Ordes coa rehabilitación da Casa Reitoral de Poulo, sen esquecer as actuacións do Monte do Gozo. Por outra banda, mellorarase a Rede Pública con intervencións en diversos albergues de máis de vinte anos do Camiño Francés. Ademais, realizarase un importante esforzo para a mellora e sinalización do Camiño Inglés e da Ruta Fisterra -Muxía.
Ademais, está prevista a edición de guías dos recentemente oficializados Camiño Inverno e Portugués pola Costa, o desenvolvemento dunha programación de actividades para a celebración do 30º aniversario da Declaración de Santiago de Compostela como Itinerario Cultural Europeo e a posta en marcha do Cartón Peregrino.
Outro dos eixos que vertebran os orzamentos de Turismo de Galicia para o 2017, é a mellora das infraestruturas turísticas. Neste ámbito, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro explicou que se recollen por primeira vez dous proxectos específicos, Miradoiros de Galicia e Rutas e Sendas de Galicia, nos que se intervirá na adecuación do espazo de Estaca de Bares e no acondicionamento e sinalización da Ruta do Ulla e da Ruta da lamprea.
Outra actuación destacada por Nava Castro para o 2017 é o Plan de turismo de saúde e termal de Galicia, que se finalizará a principios do próximo ano e na que se aposta por unha estratexia de posicionamento dos recursos orientado ao turismo de benestar e aos coidados posteriores aos tratamentos estritamente médicos
Premios Galicia Parabéns
Con obxecto de distinguir as iniciativas públicas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago de Galicia, Turismo de Galicia crea para 2017 os novos premios Galicia Parabéns, cos que se busca avanzar na mellora da paisaxe do noso territorio, apoiando ademais ás entidades locais para a mellora dos seus recursos turísticos.
Promoción do destino Galicia
Respecto ás accións de promoción do destino de Galicia, a directora fixo referencia á posta en marcha dunha importante campaña de medios nacionais e internacionais, a presenza en doce feiras de turismo nacionais e 24 internacionais así como a edición de material promocional. Ao tempo, segundo explicou, incidirase nas viaxes de familiarización para operadores turísticos e nas viaxes para a prensa especializada, así como na organización e fomento de xornadas e eventos que xeren fluxos turísticos continuando con programas como Outono Gastronómico, De tapas por Galicia, a Ruta da Camelia ou os Trens Turísticos.