Turismo de futuro, turismo para todos

ACTIVIDADES

Turismo de futuro, turismo para todos

O Foro Proturga,, que se celebra ata o venres en Pontevedra, incide na necesidade de maior formación e na de contar cos colectivos implicados para crear produtos turísticos accesibles

Un turismo inclusivo no que se desenvolvan produtos turísticos que teñan en conta a opinión dos colectivos aos que se dirixen así como unha firme aposta polo turismo accesible a nivel destino, foron algunhas das cuestións que se abordaron na primeira xornada do IV Foro Proturga, que se celebra en Pontevedra baixo o título “Do Turismo Accesible ao sensitivo”. A formación, pero tamén a concienciación por parte dos profesionais, as empresas e as entidades públicas, foron aspectos nos que os participantes no foro fixeron fincapé, destacando a necesidade de apostar por un turismo no que caibamos todos. E é que o colectivo accesible non só agrupa a persoas con diversidade funcional ou cognitiva, se non tamén a persoas maiores ou familias con nenos pequenos, que tamén necesitan adaptacións na accesibilidade aos espazos de lecer ou nos puntos turísticos. Estes colectivos representan, só en Europa, o 12% do conxunto do mercado turístico, polo que “a nosa aposta como destino turístico ha de ser pola calidade, a sustentabilidade e a accesibilidade, ofrecendo formación neste sentido aos profesionais do sector e adoptando medidas que conjugue as políticas de integración social, as técnicas do deseño universal e o emprego das novas tecnoloxías e ferramentas de información, que nos permitan ofrecer unha experiencia completa e inesquecible a estes visitantes”, explicou o secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, quen tamén participou na inauguración do Foro, xunto con representantes do Concello de Pontevedra e da Deputación de Pontevedra.

O foro, organizado pola Asociación de Profesionais de Turismo de Galicia (PROTURGA) contou coa participación de representantes de distintos colectivos sensibles como o responsable de accesbilidad da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Enrique Santos, o director do Centro de Recursos Educativos do Once de Pontevedra, José Anxo Abraldes, a directora da Asociación Juan XXII, Nuria Luque, dirixida a persoas con déficits cognitivos, que trasladaron a profesionais e alumnos en formación as necesidades e os xestos que poden xerar unha mellor experiencia turística. Todos eles coincidiron en destacar que a accesbilidad debería ser unha materia obrigatoria na formación e en que a aprendizaxe de pequenos xestos (saúdos, forma de comunicarse cun cego ou cun xordo) melloraría considerablemente a experiencia turística.

Houbo tamén, oportunidade de coñecer ferramentas que as novas tecnoloxías facilitan para que estes colectivos poidan coñecer mellor unha cidade ou visitar un museo. Do mesmo xeito, expuxéronse experiencias turísticas de éxito como as Cabanas Accesibles que se están construíndo en Outes, dentro do proxecto de Cabanas do Bosque ou a da empresa Hydronauta, de Riveira.

Pontevedra, sensitiva
Pero, ademais, o foro ten tamén unha vertente práctica pero, sobre todo, sensitiva, con catas de produtos como o café, o queixo ou o pan empregando só algún dos nosos sentidos (tacto, olfacto, gusto) e limitando o da vista, por exemplo. Ou rutas sensitivas por Pontevedra para descubrir a cidade desde outro punto de vista. Todas elas actividades nas que o CIFP Carlos Oroza está moi implicado a través dos alumnos dos ciclos de Servizos e Restauración, Cociña e Gastronomía ou ciclo superior de Guía, información e asistencia turística. Así o Foro Proturga serve tamén para pór en valor o traballo desenvolvido polo CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, que nos últimos anos caracterizouse polo seu compromiso co turismo accesible e a capacidade creativa para deseñar experiencias turísticas baseadas nos sentidos.