Unha vintena de profesionais do sector turístico galego participan desde hoxe na World Travel Market de Londres, que se celebra até o vindeiro mércores na capital británica dentro da misión comercial promovida polo Clúster Turismo de Galicia da man de Turismo de Galicia. Aloxamentos, turoperación , oferta de turismo termal (talaso e balnearios), náutico ou MICE compoñen a misión comercial deste ano a esta feira, onde a oferta galega dáse a coñecer dentro do espazo co que conta Galicia na caseta de Turespaña, como vén sendo habitual.
A WTM é unha das citas máis importantes para o sector turístico a nivel internacional, que ao longo destas xornadas mantedrá unha axenda de contactos con turoperadores británicos co obxectivo de seguir traballando na internacionalización do sector turístico galego no marco dunha edición, o número 40, marcada polo Brexit e a recente caída de Thomas Cook.
Ademais de manter encontros profesionais no espazo galego habilitado na caseta de Turespaña, os profesionais do sector mantiveron encontros rápidos en speed networking e responsables do Clúster Turismo de Galicia mantiveron un encontro con autoridades da España Verde e coa OET de Londres. ?O obxectivo de continuar desenvolvendo estas misións comerciais é contribuír a xerar sinerxías entre os propios profesionais e fomentar unha primeira toma de contacto para aqueles que queren comezar a traballar con Galicia buscando destinos auténticos que poidan ofrecer experiencias diferentes e de calidade vinculadas á España Verde?, explicou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
O mercado británico é o sexto mercado internacional para Galicia e representa o 1% do total de viaxeiros estranxeiros que elixiron #Galicia como destino turístico.