O porto deportivo de Vilagarcía de Arousa acolleu a presentación oficial da iniciativa Turismo Rural, Agora Tamén, unha campaña coa que se pretende promocionar de forma conxunta o turismo rural e a súa oferta complementaria, contribuíndo á desestacionalización da oferta turística galega. O secretario do Clúster de Turismo de Galicia e presidente da Federación Galega de Turismo Rural, Cesáreo Pardal, foi o encargado de explicar o proxecto nun acto no que estivo acompañado ademais por representantes de tres do catro entidades e empresas implicadas no proxecto: José Manuel Teijido de Marinas de Galicia, Ana María Mariño, da naviera Illa de Ons e Romina López, da Asociación de Guías Turísticos de Galicia que xunto con Fegatur e Mar de Ons conforman o proxecto.
Pardal, que fixo fincapé na importancia de dar a coñecer a oferta completaria do turismo rural, destacou que neste proxecto participan máis de 130 casas de turismo rural. Pola súa banda, tanto o representante de Mariñas de Galicia como da naviera Illa de Ons destacaron a importancia de dar a coñecer as illas atlánticas como destino turístico, especialmente Cortegada, a gran descoñecida, mentres que Romina López fixo mención á importancia da cooperación entre empresas e entidades para crear produtos turísticos atractivos para o viaxeiro.
Fam trip e sorteos
Turismo Rural, Agora Tamén se concibiu con dúas accións concretas, unha dirixida ao sector, a través da promoción dun fam trip que permitirá dar a coñecer a Ribeira Sacra a diferentes turoperadores e outra que consiste en sorteos a usuarios de casas de turismo rural, de servizos de transporte náutico, de guías turísticos, usuarios de mariñas e a público en xeral que poderá entrar en sorteos de 50 paquetes turísticos a través das redes sociais de Fegatur.
A iniciativa, que leva en marcha dúas semanas, prolongarase até o 31 de outubro, e nace no marco do concurso de ideas impulsada polo Clúster Turismo de Galicia para a mellora da comercialización da oferta turística galega e a creación de sinerxías entre os diferentes axentes da cadea de valor do sector turístico galego.