Os Cruceiros Costeiros, unha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN), presentaron a nova tempada das súas viaxes nun acto no que participaron, entre outras autoridades, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, ademais do alcalde de Boiro, José Ramón Romeu, e o presidente de AGAN, Manuel Soliño. Todos eles coincidiron en destacar a importancia deste tipo de accións no marco do proceso de recuperación do sector turístico galego e no peso do turismo náutico en Galicia, tendo en conta que o noso territorio conta con excelentes condicións para o desenvolvemento deste tipo de produtos turísticos grazas á superficie costeira galega, ás posibilidades de navegación das rías galegas durante todo o ano e á calidade das infraestruturas dos portos deportivos.
Novidades de tempada
Como novidades para esta tempada de mini cruceiros costeiros, cunha duración de entre 1 e 7 días, destaca a limitación de 25 pasaxeiros por cruceiro como consecuencia das medidas anti COVID19 implantadas, así como a posta en marcha de nova rutas centradas no Xacobeo2021 e no mundo fenicio. Neste sentido, o conselleiro en funcións destacou o potencial do turismo náutico na diversificación da oferta e a reactivación do sector e a necesidade de seguir apostando por este tipo de proxectos, que contribúen á recuperación desta industria e dinamizan a economía das vilas mariñeiras, ao beneficiar as pequenas vilas e poboacións nas que fan parada as distintas rutas.
Pola súa banda o presidente de AGAN, Manuel Soliño, subliñou na súa explicación o gran impacto que a pandemia produciu no sector náutico e manifestou “a urxente e imprescindible necesidade de apoio ao sector náutico por parte da Administración”. Afirmou tamén que “temos que considerar á náutica como un sector a imaxe da Bretaña francesa desenvolvendo medidas específicas tanto para o sector portuario como para o turístico e á construción náutica apoiando a estructuración como clúster atlántico para facer de Galicia o gran porto da fachada atlántica e o destino náutico de primeira orde”.
Durante o ano pasado, máis de 5.000 as persoas participaron nesta iniciativa e foron máis de 8.500 as axencias de viaxe que ofreceron este produto.