A Universidade de Vigo abre prazo de inscrición no Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, unha titulación oficial que ten validez en todo o Espazo Europeo de Educación Superior. Cúrsase nun só ano (setembro-xullo) e combina a formación teórica co estudo e realización de casos prácticos vinculados ao sector turístico.
O máster, que conta xa con máis de 10 anos de experiencia, iniciando a súa andaina no ano 2006 como Master Oficial en Dirección e Planificación do Turismo, prepara aos seus alumnos en disciplinas como a xestión turística, mercadotecnia turística ou planificación turística. Ademais, parte do programa céntrase na súa especialización: o turismo interior e o turismo de saúde e ofértase en tres vías de realización: presencial, semipresencial ou totalmente en liña, adaptándose así ás necesidades e dispoñibilidade horaria de cada alumno.
A calidade do programa e do profesorado (académicos, investigadores e profesionais do sector turístico), o nivel de especialización e a capacidade que ofrece para realizar prácticas en empresas, unido a unha metodoloxía de ensino que prima o traballo en equipo e presenta a posibilidade de aprender mediante a análise e a resolución de casos reais, así como as experiencias e coñecementos que transmiten os docentes, fan que este máster se adecue ao mercado laboral, e por conseguinte brinde posibilidades reais en termos laborais.
Os interesados, xa se poden inscribir do 25 de xuño ao 1 de xullo. O master oferta un total de 40 prazas repartidas entre o tres modalidades ofertadas. A través da súa web pódese acceder a toda a información: www.masterturismoourense.es. Tamén se pode contactar directamente coa súa coordinación no correo electrónico info@masterturismoourense.es ou chamando ao +34 988 368865.