Creado o ano pasado co obxectivo de dar a coñecer e xerar sinerxías entre as empresas turísticas galegas que se especializaron no turismo familiar, o programa Galicia Destino Familiar, impulsado polo Cluster Turismo de Galicia en colaboración con varios dos seus asociados, continúa este ano dando pasos para a posta en valor deste segmento de mercado para Galicia. Nestes momentos xa está dispoñible nas tendas de aplicacións móbiles a App oficial de Galicia Destino Familiar, ferramenta na que estarán dispoñibles datos das empresas certificadas polo selo, así como as súas principais ofertas. Os usuarios poderán así mesmo acceder a información sobre os principais recursos turísticos de Galicia, geolocalizados segundo a súa localización.
Paralelamente, xa se pode acceder á páxina web de Galicia Destino Familiar (http://galiciadestinofamiliar.gal/), en cuxa área privada as empresas asociadas ao selo poderán xestionar a información que fan chegar ao usuario final. Ademais, están dispoñibles os perfís nas redes sociais Facebook, Twitter, Linkedin e Instagram, nas cales se informará das distintas novidades que vaian xurdindo ao redor de Galicia Destino Familiar. Ademais, púxose en marcha marcha un plan de comunicación que pretende dar a coñecer a marca e as empresas adheridas especialmente a través de internet e as redes sociais, buscando un mellor posicionamento, e a través do desenvolvemento de actividades e do traballo de influencers que permitan mellorar o grao de coñecemento da marca.
Galicia, polo de atracción do turismo familar
Segundo o estudo de mercado de Pautas de Consumo Turístico das Familias, realizado pola Federación Española de Familias Numerosas, Galicia sitúase como a cuarta comunidade autónoma española preferida polas familias para as súas viaxes en época estival, unhas familias que gastan ao ano en España un total de 15.870 millóns de euros.
Trátase de perfil de consumidores moi interesante para o sector turístico galego ao tratarse de viaxeiros que consomen unha ampla gama de produtos e servizos interconectados entre si (aloxamento, restauración, turismo activo, parques temáticos, etc.), xeralmente fidelizados e que exercen de bos prescriptores, que rexistran estancias superiores á media e que busca destinos adaptados ás necesidades de todos os membros do grupo, sendo clave o poder de decisión que teñen os nenos na elección.
É por iso que, no marco do Concurso de Ideas do Clúster de Turismo de Galicia, creouse en 2016 a marca Galicia Destino Familiar e no presente 2017 o programa continúa desenvolvéndose en colaboración co Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), a Asociación Rede Galega de Albergues Turísticos (AGALBER), Viaxes Fisterra S.L.U. e o Hotel Baía de Vigo S.A.
A posta en marcha deste proxecto busca, ademais, apoiarse na xeración dunha oferta específica para as familias na que o selo de Galicia Destino Familiar sexa un aval tanto para os clientes como para o sector, contribuíndo a fidelizar ao público obxectivo deste proxecto.