Coa entrega da distinción por parte da Xunta, o concello de Sanxenxo converteuse esta semana no primeiro municipio declarado territorio preferente de actuación turística, unha figura establecida na Lei do Turismo da Xunta de Galicia, e que agora se comeza a desenvolver con esta declaración e a aprobación dun Plan de Actuación Integral que ordene os seus recursos coa que se culmina un proceso no que estivo traballando o concello para cumprir coas esixentes características desta declaración.
Co acto celebrado esta semana, no que participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, entre outras autoridades, culmínase un proceso iniciado en setembro de 2019 polo Concello, quen solicitou á Xunta de Galicia esta declaración. Tras pasar todos os trámites, incluíndo a información aos membros do Consello Galego de Turismo, Sanxenxo oficializa este recoñecemento que supón a posta en marcha dun Plan de Actuación Integral, unha folla de ruta con recursos económicos e prazos de execución que permitirá mellorar os seus equipamentos turísticos e ordenar a súa actividade neste ámbito.
Grazas a recursos como as súas praias, portos deportivos, talasos e spas, campos de golf ou mesmo a súa pegada xacobea coa Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, esta vila ten, tal e como destacou o conselleiro Román Rodríguez, “un modelo de éxito” que está a facer que Sanxenxo chegue a multiplicar a súa poboación especialmente en época estival.
Por iso, engadiu, a declaración como territorio de especial actuación turística suporá “máis seguridade xurídica” para Sanxenxo e a posta en marcha de máis ferramentas para “facer desta vila un lugar mellor para visitar e tamén para vivir”, indicou. Neste sentido, destacou como un dos principais retos desta localidade nesta nova etapa o de fortalecer o seu papel como destino familiar e lugar que visitar fóra de tempada.
Saúde, medio ambiente e seguridade
Para dar resposta a estas novas necesidades, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións avanzou que a Xunta colaborará co concello de Sanxenxo no impulso do turismo deportivo, axudando a crear unha rede de itinerarios en augas abertas que combinen turismo, deporte e medio ambiente. Tamén se crearán carreiros saudables a través da organización de eventos deportivos e accións para góceo das familias e apoiarase nas necesidades de limpeza, seguridade ou mellora de accesos ás praias.
“A declaración de Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística é, sen dúbida, a mellor noticia que podiamos ter e que nos permitirá seguir consolidando o municipio como primeiro destino turístico do norte de España cun plan de actuación integral”, destacou pola súa banda o alcalde do municipio, Telmo Martín. No acto tamén estiveron presentes varios representantes do sector turístico da vila, aos que o alcale aproveitou para agradecer o esforzo e sacrificio que están a facer como consecuencia da crise sanitaria da covid-19. Felicitou, ademais aos profesionais do concello pola posta en marcha da súa nova campaña de promoción Sanxenxo Volve.
Precisamente neste sentido intervín o presidente do CETS, Alfonso Martínez, quen destacou a importancia desta declaración e aproveitou para avanzar os primeiros resultados da campaña de promoción turística de destino que están a levar a cabo o CETS baixo o eslógan “Sanxenxo Volve”, coa que se conseguiron máis de 3 millóns de impactos nos principais medios e redes sociais de territorios como Portugal, Madrid, Asturias ou Castela e León.
Declaración específica
A declaración de territorios de preferente actuación turística que vén de obter Sanxenxo está tipificada xa na Lei de Turismo de Galicia. Identifica a aqueles territorios que deben cumprir uns esixentes e específicos criterios e que, polos seus especiais características, demanda tamén unha actuación singular da administración públicas.