Preto de 200 representantes de empresas e institucións relacionadas co turismo de congresos incentivos e eventos déronse cita no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago, para a festa do sector MICE galego, un encontro que tamén serviu para facer unha presentación do proxecto Galicia MICE, posto en marcha en 2016, no que se se unen OPCs, hoteis e espazos para eventos para promover a Comunidade como destino ideal para este tipo de actividades. Galicia MICE conta co apoio do Clúster Turismo de Galicia, cuxo presidente, Cesáreo Pardal, fixo fincapé na heteroxeneidade e a relevancia deste sector, vertebrador para o conxunto do turismo en Galicia, así como na importancia de seguir traballando na cooperación público-privada.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tamén destacou esta cooperación entre o sector privado e as administracións á vez que destacou o apoio da Xunta á organización de Congresos a través da liña de axudas que acaba de aprobar a Xunta. Finalmente, a presidenta de OPC Galicia, Ana Trevisani, pola súa banda, fixo un percorrido pola traxectoria da marca Galicia MICE e destacou o volume de negocio do sector en España, que o Spain Convention Bureau (SCB) cifrou recentemente en 6.600 millóns de euros, con 4,3 millóns de asistentes e 25.800 eventos, á vez que destacaba as vantaxes coas que conta Galicia para estar entre os primeiros destinos elixidos para organizar congresos a nivel nacional.
“Galicia ofrece ao sector profesionais serios, fieis, eficaces, moi traballadores e conta ademais con ese plus que todo organizador desexa: sensacións e experiencias. Somos un destino solvente que se enfronta a algúns problemas, como o relativo descoñecemento do noso traballo ou os derivados da conectividad de Galicia respecto doutros puntos”, explicou Trevisani.
Encontros profesionais
Coa celebración da festa do sector MICE galego péchase o programa de actividades que esta semana desenvolveu Galicia Mice con dez operadores turísticos do resto de España e Europa, que tiveron oportunidade de coñecer varias localizacións ideais para a organización de grandes congresos e eventos, ademais de percorrer os atractivos turísticos das cidades da Coruña e Santiago de Compostela. Dentro do programa leváronse a cabo reunións entre os operadores foráneos e 50 empresarios das dúas cidades, representantes de diversos sectores relacionados.