A Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia (OPC Galicia) e a Consellería de Cultura e Turismo han asinando un convenio dotado con 200 mil euros no marco do Plan de Reactivación de Cultura e turismo da Xunta de Galicia en virtude do que se pretende impulsar a nosa Comunidade como destino para o turismo de congresos, eventos, feiras ou reunións e favorecer a reactivación deste sector tras a crise sanitaria.
O obxectivo é apoiar a este sector profundamente afectado como consecuencia da pandemia á vez que se aposta por accións que permitan atraer un turismo urbano e de alto valor engadido durante todos os meses do ano, ademais de favorecer a desestacionalización. O acordo inclúe unha batería de accións entre as que destaca a reactivación do portal Galicia MICE, centrado en facilitar a localización de recursos para os promotores de congresos, eventos ou reunións así como a creación dun estudio online na Cidade da Cultura que favorecerá a realización de eventos virtuais.
Do mesmo xeito, porase en marcha un fondo de contratación de espazos e sedes que contempla incentivos para aquelas empresas que reserven este tipo de servizos, apoiando así a organización de eventos en toda Galicia.
Captación de eventos MICE
Como complemento a este convenio a Xunta tamén informou da resolución da liña de axudas posta en marcha pola Xunta para a captación de eventos MICE que se aprobou a finais do ano pasado. Con todo, ante a crise sanitaria decidiuse revisar os períodos de realización e de execución dos proxectos imputables, establecendo os prazos o máis amplos posibles co obxectivo de garantir a súa celebración. Así pois, en virtude desta orde destinaranse preto de 600.000 euros para apoiar a celebración dun total de 52 eventos como congresos, feiras ou reunións dos cales máis dunha vintena terán lugar no último cuadrimestre do ano, favorecendo a desestacionalización da actividade turística.