ASNAUGA representou á náutica deportiva Galega no Salón Náutico Internacional de Paris, que se celebrou na capital francesa o 7 ao 11 de decembro, onde representantes de Asnauga acudiron ao Salón Náutico de París para promocionar o deporte e turismo náutico galego. Durante estes días Ramón Acuña, membro da directiva de Asnauga, acompañado da Directora de Turismo de Galicia Nava Castro e a presidenta de Portos de Galicia Susana Linguas, así como doutros representantes de Asnauga, mantiveron máis de 12 reunións con medios de comunicación, empresas de Chárter e asociacións náuticas francesas para presentar a oferta deportiva e de instalacións portuarias desta entidade e de Galicia en xeral na Caseta que Turismo de Galicia e Portos de Galicia instalaron nesta feira.
Cabe destacar que os portos deportivos de Galicia recibiron o pasado ano máis de 10.000 embarcacións recreativas, segundo os datos facilitados pola Xunta. Francia é o sexto país do que máis embarcacións recreativas chegan á comunidade autónoma, só por detrás de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Italia e Reino Unido. Os 73.000 viaxeiros procedentes de Francia que atracaron os seus barcos nos portos deportivos galegos pasaron un total de 121.000 noites.
O Salón Náutico Internacional de París é o acontecemento náutico máis importante que se celebra en Francia e unha das grandes referencias do deporte e turismo náutico no mundo, e marca o comezo da tempada de actividades turísticas náuticas. Na pasada edición, o evento contou con máis de 206.000 visitantes, asentado sobre unha superficie de máis de 300.000 metros cadrados. De igual forma, foron máis 800 os expositores que participaron neste evento en 2018. Durante o transcurso da feira ten lugar un nutrido programa de conferencias, impartidas por expertos no sector náutico ou representantes de oficinas de turismo e entidades relacionadas co mesmo.