En virtude dun convenio asinado entre a Federación Provincial de Hostalaría de Pontevedra (FEPROHOS) e o concello de Ribadavia, Feprohos comprométese a levar adiante unha campaña de promoción da próxima edición da Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa 55ª edición e que se celebrará os días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio de 2018, no recinto da Alameda, en Ribadavia (Ourense).
Así, a Federación de Hostalaría de Pontevedra puxo en marcha unha campaña entre o seu centenar de asociados mediante a cal se ofrece a todos aqueles turistas e visitantes que se aloxen mediante reserva directa nos seus establecementos entre os días 28 de abril e 1 de maio de 2018, un desconto do 15% na súa tarifa, con tan só presentar a copa oficial (serigrafiada co logo da FVR) que unicamente se pode comprar na caseta de venda de copas do recinto feiral.
Este acordo supón un importante foco promocional para o evento, posto que permitirá alcanzar a un potencial número de visitantes moi elevado. O acordo inclúe a difusión de carteis e programas da FVR en todos os establecementos asociados da Federación de Provincial de Hostalaría de Pontevedra.