Co obxectivo de fixar as accións de promoción do turismo activo galego para o ano 2018 Santiago de Compostela acolleu o primeiro encontro deste ano do grupo promotor da iniciativa Galicia, Destino Activo, conformado pola Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo (AGETAN), a turoperadora CN Travel, o grupo Caldaria e a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), dentro da iniciativa impulsada polo Clúster Turismo de Galicia.
Todos os axentes implicados coincidiron en destacar a súa aposta por fixar o obxectivo en involucrar nas accións previstas para 2018 a todas as empresas de turismo activo de Galicia así como as axencias de viaxes, establecementos de restauración, establecementos hoteleiros e outras actividades complementarias que acheguen valor ao produto.
Para elo acordouse a creación de dinámicas de traballo que levarán a cabo nos próximos meses, previos á época estival, nas que toda empresa turística con interese no impulso do turismo activo galego está convidada a participar.
Galicia Destino Activo é a marca de referencia de promoción do turismo activo de Galicia que naceu en 2015 a partir do concurso de ideas do Clúster de Turismo de Galicia e que desde ese momento está a activar a promoción desta disciplina en mercados exteriores.