A Consellería de Cultura e Turismo asinou un acordo coa secretaria de Estado de Turismo para homoxeneizar os criterios de excelencia e calidade do sector no marco da aposta da administración pública na mellora da competitividade da oferta turística. Neste contexto, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, fixo balance da boa marcha do turismo galego no primeiro cuadrimestre do ano, un período no que os establecementos hoteleiros da Comunidade ingresaron 61,7 millóns de euros, un 8% máis que en 2018.
O acordo, asinado en Santiago de Compotela entre o conselleiro, Román Rodríguez, e a secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Oliver, permitirá homoxeneizar os criterios de excelencia e favorecerá a colaboración entre as dúas administracións, unha aposta pola calidade na que a Xunta leva inmersa os últimos anos e que xa está a dar os seus froitos. Neste sentido, Rodríguez destacou ó que o número de empresas co recoñecemento SICTED de Calidade Turística duplicouse na última década ao pasar de 286 en 2008 ás 598 conseguidas o ano pasado. Subliñou, ademais, que Galicia logrou o ano pasado o maior número de certificacións da marca Q de calidade da súa historia, ao conseguir un total de 282, situándose como a segunda Comunidade con máis recoñecementos.
A secretaria de Estado, pola súa banda, destacou que Galicia posúe un produto turístico “moi diferenciado”; “unha marabillosa carta que xogades e que tedes que coidar”, e citou a paisaxe galega e a rede de camiños xacobeos, a paisaxe e os camiños.
Oliver ofreceu a colaboración do Estado para seguir mellorando a oferta do turismo de Galicia e a súa calidade, e referiuse en concreto ao ano 2021 cando terá lugar o próximo Xacobeo. “Imos traballar conxuntamente para que sexa un éxito en número de visitantes e de gasto turístico”, indicou.
A representante estatal dixo que o 2021 será “un momento importante” para tratar de captar e fidelizar ao visitante que acuda á comunidade galega.
Destacou a importancia que ten para o potente sector turístico español a colaboración entre as diferentes institucións públicas e a súa cooperación coas empresas do sector privado. “Calidade, sustentabilidade, accesibilidade, innovación, desestacionalización e diferenciación son os termos craves neste século XXI”, afirmou Isabel Oliver.