Máis de 200 persoas déronse cita no Verbum de Vigo nas II Xornadas TurisTIC da Deputación de Pontevedra, centradas no “Turismo Intelixente”, un encontro que serviu para seguir achegando as novas tecnoloxías ao sector turístico á vez que se xeraban sinerxías e abordábanse algúns dos retos que afronta o sector de forma inmediata. A iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra e Minube contou coa colaboración de SmartPeme e o Clúster Turismo de Galicia, que apoiou a organización das xornadas de traballo en equipo celebradas de forma previa ao encontro. Un ?hackathon? que contou coa participación de 28 persoas que se agruparon en equipos para darlle novas respostas e buscar aplicacións tecnolóxicas útiles para o sector. Finalmente foi unha divertida dinámica de xogo turístico no que o usuario ten que visitar destinos turísticos e superar retos na súa viaxe foi o gañador do primeiro hackathón DESTInno.
A aplicación chamada Desafío Domingo Fontán, en alusión ao geógrafo de Portas que no século XIX completou a fazaña de trazar un mapa moi preciso de Galicia, foi un desenvolvemento de Celso Gómez Corbal, Luís Eduardo Castro Rodríguez e Jarold Meléndez Lugo. O segundo premio recaeu no proxecto Niiru, unha especie de Big Data que recompila todos os intereses ao planificar unha viaxe e propón rutas acordes. Finalmente o terceiro posto foi para unha app pensada para maiores de 55 anos que optan por un turismo intelixente.
Colaboración público-privada e sinerxías
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, destacou a importancia deste tipo de encontros nos que se suman sinerxías e se aposta polos Destinos Turísticos Intelixentes e o TIC. “As administracións temos que ser referencias do cambio, estar pendentes do novo que vai xurdindo na sociedade para implementalo e convertelo en recursos que garantan o futuro dos territorios. A presidenta provincial tamén asegurou que para conseguilo é preciso un compromiso da administración pública co sector público e persoal. “Precisamos que as administracións se convertan en axentes do cambio, porque desde as institucións públicas xestionamos os recursos das persoas e debemos devolverllos en forma de novas ideas encamiñadas a construír un proxecto común para que a cidadanía teña un futuro de calidade”.
A presidenta da Deputación participou nunha das mesas redondas da xornada, xunto co delegado da Zona Franca, David Regades, Javier Yagüe, responsable do Sistema de Xestión TIC e innovación no aeroporto de Vigo, que falou sobre o smart airport, e Fernando Frade, director do Instituto para a Calidade Turística. Frade, que fixo un percorrido por colaboracións público-privadas de éxito desenvolvidas desde o nacemento da Q de Calidade na década dos 90.
O segundo relatorio contou coa participación da xefa de proxectos de SEGITUR, Edurne Vidal; co xerente de desenvolvemento de produtos de AENOR; e co experto en turismo e presidente de Spain Live Music, Iñaki Gaztelumendi. O moderador David Villar, líder de Especialización e Gobernanza de CTIC Asturias, introduciu o concepto de “Gobernanza dentro dos Destinos Intelixentes”. A xornada tamén contou co relatorio sobre “Innovación aplicada á comercialización turística”, conducido pola directora de Paradores de Cambados e Pontevedra, Meritxell Marcos e coa de Enrique González, xerente de Mercadotecnia, Blockchain e Big Data en Telefónica.
Por último a xornada completouse con dúas mesas redondas, unha de casos de éxito e a aplicación das novas tecnoloxías ao sector turístico na provincia de Pontevedra, moderado pola responsable do programa de asesoramento e cursos de formación TurisTIC Sonia Torres, e no que o protagonismo foi para empresas da provincia, e unha segunda mesa, moderada por Enrique González, na que participaron o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, o seu homólogo do Cluster TIC Galicia, Antonio Rodríguez, e a presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso.