A Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) celebrou recentemente en Vimianzo a súa asemblea anual na que se repasou o traballo do 2017 e fixáronse os obxectivos do 2018, centrados na colaboración coa CMAT, a Xunta, a Deputación, o GDR e os GALP. Ademais, establecéronse entre os principais obxectivos para este eño a elaboración do plan estratéxico e o impulso do turismo activo como metas fundamentais.
A asemblea serviu así para valorar as actuacións da entidade durante 2017, entre as que destacaron a súa presenza en feiras sectoriais especializadas como Fitur, Turexpo, Intur, Rimini, Berlín e no Fairway de Santiago, con espazo propio, pero tamén a firma do convenio coa Xunta, a creación de produtos ou as campañas de promoció levadas a cabo. Para este 2018, ademais dese plan tan reclamado por moitos alcaldes, no que a Xunta terá un papel importante á hora de financialo, desde APTCM pretenden, máis aló da liña xeral galega que aposta pola gastronomía, centrarse no turismo activo. Iso é: formar profesionais para que, por exemplo, poden exercer como guías de sendeirismo ou crear un calendario que recolla todas as principais citas deportivas da Costa da Morte, á hora de promovelas entre os turoperadores e os potenciais visitantes. Da Deputación, á marxe doutros apoios, esperan, fundamentalmente, que lles financie a secretaría técnica e co GDR e o GALP 3 (confían en facelo tamén co 4) xa están na liña de aproveitar mutuamente o traballo realizado. Xa en orde interna decidiron subir as cotas de 50 a 100 euros anuais e iniciará unha campaña porta a porta para sumar afiliados.