Un total de 871 viaxes con destino fóra de Galicia e que tiveron que ser cancelados por mor da pandemia foron redirixidos a destinos desta comunidade autónoma grazas ao convenio de colaboración asinado pola Asociación Galega de Axencias de Viaxes e a Axencia de Turismo de Galicia.
Cunha dotación de 300.000 euros creouse o acordo con tres obxectivos principais: por unha banda, redirixir a Galicia viaxes que tiñan outros destinos; por outra banda, crear novos produtos turísticos adaptados á nova situación e, en terceiro lugar, a creación dun equipo legal ao que calquera axencia de viaxes de Galicia poida plantexar as súas dúbidas de xeito gratuíto.
As axencias que solicitaron a axuda incluída no acordo crearon ata o momento 400 novos produtos, que agora poden ser contratados. Trátase de paquetes moi relacionados cos signos de identidade de Galicia, como os Camiños de Santiago, os balnearios ou o turismo rural, adaptados ás novas demandas.
O presidente de AGAVI, Juan Rivadulla, valorou positivamente os resultados do acordo e explicou que, neste momento, o traballo das axencias está practicamente paralizado. Neste sentido, esixiu que “haxa unha acción decidida e coordinada por parte de todas as Administracións para garantir que, durante este período de inactividade, sexa posible manter vivo o negocio”.
Rivadulla lembrou que “a crise da pandemia comezou para as axencias de viaxes incluso antes de que aparecese o virus ou houbese que tomar medidas” posto que “había miles de persoas que xa tiñan contratado e pagado viaxes que finalmente tiveron que ser suspendidas”.